A Xunta e o Concello de Cambre pactan a rehabilitación das infraestruturas do río Mero

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, acordaron a sinatura dun convenio para poñer a punto as infraestruturas asociadas ao río Mero ao seu paso por Cambre. O plan de traballo esténdese ao longo de aproximadamente 17 quilómetros e mobiliza preto de 900.000 euros.
Durante a reunión, na que tamén participou o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, avaliouse o estado do itinerario fluvial, moi demandado pola veciñanza da contorna metropolitana para sendeirismo e ciclismo, pero que presenta treitos pechados e deterioro. O convenio permitirá a reposución integral do servizo e a mellora dos elementos que garantan a súa seguridade e uso público.
No marco orzamentario, Augas de Galicia prevé para 2026 un incremento do 5,5%, ata 151,7 millóns de euros, co obxectivo de continuar a optimización do saneamento e do abastecemento mediante a creación e modernización de infraestruturas, así como accións de formación, divulgación e prevención fronte a riscos climáticos para reforzar a resiliencia hídrica.
Segundo o adianto de contas, sete de cada dez euros —isto é, 108,7 millóns de euros— destinaranse a abastecemento e saneamento; e case a metade, 73,6 millóns de euros, dedicaranse especificamente a investimentos en infraestruturas hidráulicas. O organismo porá o foco tamén nos núcleos rurais, cunha partida de 17,8 millóns de euros en 2026, case un corenta por cento máis que este ano, para dotar as catro provincias de servizos hidráulicos de calidade tanto en áreas periurbanas como en pequenos lugares e zonas dispersas.