A Xunta di que ‘minimizará a afección’ do PIA en Monte Mero e o BNG pide garantías para as casas e un diálogo real coa veciñanza

ACoruñaXa
O Goberno galego atribúe ao PXOM da Coruña o impacto sobre as vivendas e enmarca o proxecto de máis de 4.000 pisos na súa estratexia de solo residencial, mentres residentes e asociacións veciñais reclaman conservar o núcleo e frear os derrubos
A CORUÑA monte mero
19 Jan 2026

A resposta da Xunta ao BNG sobre o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) de Monte Mero, na Coruña, non achega unha garantía expresa sobre a conservación das vivendas existentes no ámbito. No documento remitido ao Parlamento, o Executivo autonómico indica que traballa ‘co obxectivo de minimizar a afección’, ofrecendo asesoramento e información ‘clara e transparente’ durante o procedemento, e sinala que a incidencia sobre as casas ‘deriva’ das determinacións do PXOM da cidade.

A actuación prevé desenvolver solo para máis de 4.000 vivendas (co 80% de protección pública), nunha zona entre Xuxán e a contorna da Cidade das TIC, e a Xunta sitúaa dentro da súa estratexia para impulsar oferta residencial.

O Bloque, pola súa banda, considera insuficiente a resposta e insiste en que a Administración autonómica debe recuperar o diálogo e concretar solucións que eviten que as familias do núcleo queden fóra da planificación. A deputada Mercedes Queixas puxo o foco en dúas cuestións: a falta de explicación sobre o cambio de criterio respecto da preservación das casas e a preocupación polo tratamento das expropiacións e valoración dos terreos.

No medio do debate institucional, as persoas que viven na zona e as asociacións veciñais manteñen unha postura clara: rexeitan que o proxecto avance coa demolición das vivendas e reclaman alternativas para compatibilizar a promoción de vivenda pública coa continuidade do núcleo residencial. En xullo, a Xunta comunicou ás entidades veciñais de Eirís e Pedralonga que o plan contemplaba o derrubo das 38 casas do ámbito, un anuncio que xerou unha forte contestación e levou a preparar alegacións.

O Concello tamén entrou no asunto en meses anteriores, sinalando que vixiará as condicións de realoxo ou compensación para os afectados no marco dunha actuación que defende polo seu peso en vivenda protexida.

⚙ Configurar cookies
0.078371047973633