A Xunta destina máis de 291.000 euros aos polígonos industriais da comarca de Betanzos

ACoruñaXa
Belén do Campo visita o parque empresarial de Bergondo, que recibiu 120.000 euros para mellorar os seus viarios, dentro dunha orde que tamén beneficia Curtis e Coirós
XUNTA obras poligono
18 Dec 2025

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, puxo en valor este martes o apoio do Goberno autonómico aos polígonos industriais da comarca de Betanzos, que no seu conxunto recibiron máis de 291.000 euros para a mellora das súas infraestruturas co obxectivo de reforzar a súa competitividade.

Durante unha visita ao polígono industrial de Bergondo, acompañada por representantes da comunidade de propietarios, a delegada destacou que este parque empresarial foi beneficiario dunha achega de 120.000 euros ao abeiro da orde para a mellora das infraestruturas dos parques empresariais. Trátase, segundo subliñou, dun recinto de referencia, cunha superficie de máis de 1 millón de metros cadrados, 246 parcelas, 344 empresas e arredor de 3.500 traballadores, cun nivel de ocupación próximo ao 100%.

No caso de Bergondo, as actuacións permitiron renovar o firme nunha zona especialmente deteriorada das rúas Parroquia de Guísamo, Parroquia de Lubre, Parroquia de Vixoi e Parroquia de Cortiñán. As obras incluíron a mellora da capa de rodadura, afectada polo tráfico pesado, así como a reparación de arquetas e pozos nun tramo de vía de case un quilómetro.

Belén do Campo explicou que esta orde tamén posibilitou actuacións no polígono de Coirós, con preto de 51.000 euros, e no de Curtis, con 120.000 euros. Na provincia da Coruña, 27 polígonos industriais resultaron beneficiarios destas achegas, cun investimento de case 2,4 millóns de euros, mentres que en toda Galicia se destinaron 5,6 millóns para modernizar infraestruturas en 72 parques empresariais.

A delegada salientou que estas axudas contribúen á modernización das instalacións e facilitan que as empresas conten cos servizos necesarios para desenvolver a súa actividade, favorecendo así a implantación de novos proxectos empresariais e a creación de emprego local. As subvencións, de concorrencia competitiva, están dirixidas aos concellos e cobren ata o 80% do investimento, cun máximo de 120.000 euros por solicitude individual e de 138.000 euros no caso de solicitudes conxuntas.

⚙ Configurar cookies
0.082746982574463