A Xunta destina máis de 100.000 euros ao mercado de San Agustín para optar ao selo de Mercado Excelente

ACoruñaXa
O investimento permitirá instalar un sistema de xeración de xeo, un dos requisitos para a integración na Rede Galega de Mercados Excelentes. En 2024 a achega autonómica centrouse en mentorización, formación e unha diagnose do funcionamento do recinto
A CORUÑA mercado san agustin
26 Dec 2025

O Mercado Municipal de San Agustín, na Coruña, avanza no seu proceso para incorporarse á Rede Galega de Mercados Excelentes coa instalación dun sistema de xeración de xeo, unha actuación financiada pola Xunta con máis de 100.000 euros. O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou este venres o recinto e puxo en valor a inversión como un paso clave para que o mercado poida acadar o selo de Mercado Excelente.

Segundo explicou Alén, esta nova achega autonómica dá continuidade ao apoio iniciado o ano pasado, cando a Xunta orientou a súa colaboración a accións de mentorización, formación para praceiras e praceiros e á elaboración dunha diagnose sobre a situación e os usos do mercado.

A actuación encádrase no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, no que a Administración autonómica prevé consolidar en 2026 as axudas para crear e ampliar a rede de Mercados Excelentes. O obxectivo marcado para o vindeiro ano é chegar á decena de instalacións recoñecidas con este selo. Na listaxe actual figuran os mercados de Tomiño, Vilagarcía de Arousa, Pontedeume e Carballo.

A folla de ruta da Xunta apunta máis alá: a meta para 2030 é alcanzar 25 Mercados Excelentes en toda Galicia, cun modelo que busca reforzar a modernización, a competitividade e a calidade do comercio de proximidade.

⚙ Configurar cookies
0.081151008605957