A Xunta destina 30.000 euros á recuperación do lavadoiro de Sas en Paderne a través das axudas ás reservas da biosfera

ACoruñaXa
Belén do Campo visitou a actuación xunto coa directora territorial de Medio Ambiente e lembrou que a orde nas Mariñas Coruñesas repartiu máis de 165.000 euros entre sete concellos
PADERNE lavadoiro
21 Jan 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, desprazouse este mércores ao Concello de Paderne para comprobar o resultado das obras de mellora e acondicionamento do lavadoiro de Sas, financiadas cunha achega autonómica de 30.000 euros ao abeiro da orde de conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e de sensibilización ecolóxica na rede de reservas da biosfera de Galicia. Na visita tamén participou a directora territorial da Consellería de Medio Ambiente, Pilar Arias.

A intervención centrouse na restauración do conxunto patrimonial da fonte e do lavadoiro, co obxectivo de mellorar o estado xeral do espazo e garantir a estabilidade estrutural e as condicións de seguridade. Segundo explicou a representante do Goberno galego, a obra permitiu manter os elementos orixinais e respectar a contorna, á vez que se reforzou a conservación e a funcionalidade do lugar. Con estes traballos, o lavadoiro recupérase como espazo de valor patrimonial e social e queda preparado para un mantemento a longo prazo para o desfrute da veciñanza.

Do Campo lembrou que estas axudas na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas beneficiaron aos concellos de Paderne, Bergondo, Carral, Arteixo, Oleiros, Miño e Oza-Cesuras, cun importe global de máis de 165.000 euros destinado a actuacións de conservación e posta en valor do patrimonio natural e cultural en ámbitos rurais.

De cara a 2026, a delegada avanzou que a Xunta reserva un orzamento de 1.870.000 euros para apoiar actuacións de mellora, protección e conservación en espazos protexidos de Galicia, tanto en reservas da biosfera como na Rede Natura 2000 e nos parques naturais. A convocatoria publicarase nas vindeiras semanas no Diario Oficial de Galicia e, como novidade, unificará nunha única orde as liñas existentes en anos anteriores para simplificar a tramitación.

A orde estruturarase en dúas liñas: unha para actuacións en reservas da biosfera e outra para proxectos en parques naturais e na Rede Natura 2000. Entre as iniciativas subvencionables inclúense accións de conservación e restauración da biodiversidade, control de especies exóticas invasoras, estudos e inventarios, campañas de sensibilización, e tamén a recuperación de elementos tradicionais como fontes, muíños, muros de pedra ou hórreos, ademais de infraestruturas de uso público como rutas, sendas, sinalización, miradoiros, áreas recreativas ou centros de interpretación.

⚙ Configurar cookies
0.077664136886597