A Xunta destaca o labor do CETIM de Culleredo na loita contra o cambio climático

GaliciaXa | ACoruñaXa
A conselleira, Ángeles Vázquez, destacou que é un centro referente na investigación aplicada á sostibilidade
20250306-AVM-CETIM-1
6 Mar 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou as instalacións do CETIM Centro Tecnolóxico, situado en Culleredo, un referente na investigación aplicada á sostibilidade. No mesmo, destacou a importancia do I+D no deseño de procesos innovadores para unha xestión eficiente dos residuos emerxentes, favorecendo o avance de Galicia cara a un modelo de economía circular.

O centro conta cun equipo multidisciplinar altamente cualificado formado por químicos, enxeñeiros, físicos e biólogos, que traballan en ámbitos clave para o medio ambiente e o clima.

CETIM centra a súa actividade en áreas como o desenvolvemento de materiais sustentables e bio-baseados, o tratamento de augas e residuos, a recuperación de recursos e a dixitalización de procesos para mellorar a eficiencia e a reutilización de materias.

Durante a súa visita, Ángeles Vázquez subliñou que este centro tecnolóxico pode ser "un bo colaborador" na investigación e desenvolvemento de novos procedementos para o tratamento de residuos, como as pas dos aeroxeradores desmantelados.

O labor de CETIM alíñase coas liñas estratéxicas marcadas pola Xunta de Galicia na loita contra o cambio climático. En 2023, o centro adheriuse á Alianza Galega polo Clima, unha iniciativa impulsada polo Goberno autonómico para fomentar a colaboración entre a administración, o sector produtivo e a sociedade coa finalidade de aumentar a resiliencia da Comunidade fronte ao quecemento global.

⚙ Configurar cookies
0.064682006835938