A Xunta destaca en A Coruña a estabilidade e crecemento do sector cultural galego

ACoruñaXa
O conselleiro de Cultura visita o Arquivo do Reino de Galicia e celebra o aumento de emprego e turismo cultural na Comunidade
Visita Xunta al Arquivo de Galicia
14 Nov 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, realizou esta mañá unha visita ao Arquivo do Reino de Galicia, na cidade da Coruña, onde destacou a "estabilidade e o bo momento" que atravesa o sector cultural galego. Durante a visita, na que estivo acompañado pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o conselleiro eloxiou o labor desta institución na preservación da historia e identidade de Galicia.

López Campos fixo referencia ao último informe de conxuntura publicado polo Observatorio da Cultura Galega, que recolle datos alentadores para o sector. Segundo este estudo, Galicia conta actualmente con 36.800 persoas empregadas no ámbito cultural e coa creación de 135 novas entidades culturais no último ano. “Estes datos demostran o alto nivel acadado pola nosa industria cultural e a súa capacidade de crecemento sostido", afirmou o conselleiro.

Tamén salientou o aumento do gasto das familias en actividades culturais, que en 2023 alcanzou os 500 millóns de euros, especialmente en espectáculos, servizos culturais e a compra de libros. Neste aspecto, López Campos destacou a vitalidade do sector editorial galego, que rexistrou preto de 3.000 novas publicacións en 2023, a cifra máis alta desde 2011 e cun incremento do 44,2 % respecto a 2019.

Outro dos puntos fortes mencionados polo conselleiro foi o posicionamento de Galicia como un destino de turismo cultural, que atraeu máis de 700.000 visitantes interesados na oferta patrimonial e cultural da Comunidade. "Este crecemento reflicte a calidade e o bo facer na conservación e difusión dos nosos bens culturais”, sinalou López Campos, subliñando a importancia de institucións como o Arquivo do Reino de Galicia, xestionado pola Xunta, como exemplo de compromiso coa cultura e a historia galega.

 

0.19358086585999