A Xunta defende o avance do Novo CHUAC mentres o PSdeG alerta da incerteza

ACoruñaXa
O grupo socialista demanda garantías da continuidade dos proxectos de investigación durante o tempo das obras
Imaxe do CHUAC
22 May 2025

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, defendeu no Parlamento de Galicia o compromiso da Xunta co proxecto do Novo CHUAC, sinalando que xa se están a executar investimentos por valor de 85 millóns de euros. Parada destacou que se trata da maior obra sanitaria impulsada polo Goberno galego, cun orzamento global que superará os 500 millóns.

No marco da Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego, o xerente detallou que actualmente están en marcha a construción da Torre Polivalente, os accesos ao complexo hospitalario, a urbanización da zona de Pedralonga —onde se realoxará ás persoas expropiadas— e a demolición do antigo Hotel de Pacientes. “Todo isto mantendo ao 100 % a actividade asistencial”, subliñou Parada, quen insistiu na complexidade técnica e administrativa do proxecto.

Segundo explicou, os traballos de acceso ao complexo víronse especialmente condicionados pola titularidade estatal das vías afectadas, o que obrigou a estudar ata 20 alternativas antes de que a Xunta decidira asumir a titularidade de tres quilómetros da estrada AC-12 para poder avanzar. Tamén asegurou que se minimizou o impacto nas vivendas próximas e que se buscou garantir a reubicación da veciñanza o máis preto posible.

Parada avanzou ademais que a segunda fase do Novo CHUAC será licitada antes de rematar o ano e que a obra continúa “coa máxima celeridade e garantías”, sendo un proxecto “absolutamente prioritario” para o Executivo autonómico.

Críticas socialistas polos espazos de investigación

Con todo, a intervención do xerente non acalmou as preocupacións da oposición. A deputada socialista Silvia Longueira esixiulle á Consellería de Sanidade que garanta a continuidade dos proxectos de investigación e innovación que se desenvolven no CHUAC durante o tempo que duren as obras.

Longueira, que levou o tema á comisión tras a alerta lanzada polo Colexio Oficial de Médicos, advertiu dunha “falla de concordancia” entre a versión da Xunta e a dos profesionais sanitarios sobre a dispoñibilidade de espazos asignados para investigación. Pediu garantías de que estes recursos seguirán operativos e non se verán afectados polos atrasos.

A parlamentaria advertiu que, malia os compromisos, os orzamentos actuais só contemplan 37,5 millóns dos 105 previstos para as obras, polo que considera que o calendario orixinal —que falaba dun 80 % da obra rematada en 2025— está “claramente incumprido”. Longueira alertou de que os retrasos poderían estenderse “máis alá de 2030”.

⚙ Configurar cookies
0.14516186714172