A Xunta declara Ben de Interese Cultural os murais de Urbano Lugrís na rúa Olmos da Coruña

A Xunta de Galicia aprobou a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de monumento, dos murais de Urbano Lugrís situados na rúa Olmos da Coruña. O Consello deu luz verde ao decreto que recoñece o carácter excepcional do conxunto, realizado por unha das figuras máis destacadas da arte galega, e que será oficial nos vindeiros días coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Con esta decisión, Galicia suma 792 BIC catalogados.
O expediente subliña que se trata dun conxunto artístico complexo no que pintura e arquitectura forman un todo inseparable, e destaca a súa singularidade dentro da produción de Lugrís ao non conservarse outro grupo destas características que dea testemuño da súa mestría na composición e na decoración de interiores. As 12 pezas, creadas para o popular Restaurante Fornos —un local icónico na memoria social coruñesa—, mostran motivos mariños e mariñeiros, panorámicas da cidade e emblemas como a Torre de Hércules, a antiga Comandancia de Mariña ou o Castelo de San Antón.
A declaración BIC garante a súa conservación e proxección ás futuras xeracións e incorpora ao patrimonio protexido da Comunidade un conxunto que forma parte da identidade visual da Coruña, con escenas da ría, fondos mariños con peixes e algas, sereiñas ou galeóns, e outras vistas que sintetizan o universo creativo de Lugrís.