A Xunta de Galicia presenta a case 70 clubs da Coruña a plataforma solidaria ‘Terra Move’ como ferramenta de mecenado deportivo

A Xunta de Galicia, a través do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola delegada territorial da Coruña, Belén do Campo, deu a coñecer ante preto de 70 clubs, deportistas e federacións da provincia da Coruña a nova plataforma ‘Terra Move’, concebida como unha ferramenta gratuíta, innovadora e solidaria de mecenado deportivo.
O Goberno galego destina a esta iniciativa unha achega de 250.000 euros, que representan o 45 % do custe estimado para o período 2025-2027, durante o cal se prevé a fase de consolidación e proxección da plataforma.
Segundo explicou o conselleiro, o obxectivo é que os clubs e deportistas “só teñan que preocuparse por adestrar e acadar os mellores resultados”, contando cun apoio económico que facilite a execución dos seus proxectos.
Desde o lanzamento de Terra Move contan xa con “case 200” entidades inscritas e arredor de 30 campañas activas. Como exemplos de éxito, mencionáronse as campañas da ximnasta Melania Rodríguez para atopar patrocinador e as do Kayak Tudense para adquirir equipamento.
A aplicación permite que calquera persoa ou empresa, desde o seu teléfono móbil e en cuestión de segundos, poida converterse en mecenas do deporte galego. Cada entidade rexistrada recibe directamente os fondos recadados e as doazóns poden acollerse ás deducións fiscais establecidas pola normativa española.
O conselleiro destacou, ademais, que a provincia da Coruña “xoga un papel relevante no deporte galego”, cunha presencia de máis de 700 deportistas de alto nivel (máis do 40 % de todo Galicia) e máis de 2.500 clubs, que tamén representan case o 40 % do total autonómico.
Con esta acción, a Xunta pretende colocar a Galicia “á vangarda do mecenado deportivo” e facilitar unha nova vía de financiamento máis áxil e accesible para o tecido deportivo da comunidade autónoma.