A Xunta dá luz verde ao novo centro de saúde de Santa Lucía na Coruña

ACoruñaXa
O acordo contempla unha achega autonómica que permitirá avanzar na rehabilitación do antigo mercado
saude-corunha
27 May 2025

O Consello da Xunta vén de dar luz verde á sinatura dun convenio entre o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e o Concello da Coruña para facer posible o financiamento das obras do novo centro de saúde de Santa Lucía. O acordo contempla unha achega autonómica de 5.859.465,05 euros que permitirá avanzar na rehabilitación do antigo mercado que acollerá o novo equipamento sanitario.

Este novo centro ocupará máis da metade do inmoble (un 54,12 %) e forma parte dun proxecto máis amplo de recuperación do emblemático edificio coruñés. Segundo o recollido no convenio, será o Concello quen se encargue de licitar e executar os traballos de rehabilitación.

Do total destinado pola Xunta, 179.115,82 euros servirán para financiar a redacción do proxecto, 102.510,49 euros irán destinados á dirección de obra, e a maior parte —5.577.838,74 euros— cubrirá os custos da execución material das obras.

Para garantir que os traballos se leven a cabo conforme aos estándares do Sergas, designarase unha persoa encargada da supervisión específica das actuacións relativas ao centro de saúde. Ademais, crearase unha comisión de seguimento, vixilancia e control con representación de ambas as administracións implicadas.

Deste xeito, a Consellería de Sanidade cumpre o compromiso adquirido co centro de saúde de Santa Lucía e avanza na tramitación coa máxima axilidade para facilitar que o Concello poida proceder de inmediato á contratación e posta en marcha das obras.

⚙ Configurar cookies
0.16368913650513