A Xunta dá luz verde ambiental a unha planta de hidróxeno verde proxectada no polígono de Morás en Arteixo

O proxecto para construír unha planta de xeración, almacenamento e distribución de hidróxeno verde en Arteixo vén de superar un dos trámites clave: a declaración de impacto ambiental. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitiu unha DIA favorable para a iniciativa, coa conclusión de que non se prevén impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes recollidos no estudo presentado polo promotor e no propio informe autonómico.
A instalación prevese no Parque de Actividades Económicas de Arteixo, no polígono de Morás, e ocupará varias parcelas cunha superficie total superior aos 20.900 metros cadrados. A iniciativa está promovida por Accionaplug SL e someteuse a unha avaliación de impacto ambiental ordinaria, na que a documentación foi exposta a participación pública. Segundo a resolución, consultáronse unha ducia de organismos e non se rexistraron alegacións ao expediente.
A planta producirá hidróxeno mediante electrólise, cun electrolizador tipo PEM de configuración modular, composto por catro módulos de 5 MW cada un. En conxunto, a capacidade de electrólise será de 20 MW, o que permitiría xerar ata 356 quilos por hora e unha produción anual máxima estimada de 2.990 toneladas, cunha pureza superior ao 99%. A localización no parque empresarial tamén abre a posibilidade de subministración a outras empresas do propio recinto e a áreas industriais próximas, se existe demanda.
A declaración favorable non supón, por si soa, a autorización para executar o proxecto. A Xunta lembra que o promotor deberá obter as licenzas, permisos e informes legalmente exixibles e que a resolución se publicará no Diario Oficial de Galicia e na web da Consellería. O trámite ambiental continúa agora coa autorización ambiental integrada, paso necesario antes de devolver o expediente ao órgano substantivo.
A DIA é o instrumento que fixa como se deben minimizar, compensar ou restaurar posibles afeccións durante a execución, explotación e, no seu caso, desmantelamento dunha instalación. Por iso, a resolución inclúe condicionantes e un programa de vixilancia que deberá cumprirse e supervisarse ao longo do proceso.