A Xunta dá luz verde ambiental a un centro de valorización de residuos téxtiles en Bergondo

A Xunta de Galicia vén de autorizar ambientalmente o proxecto para un novo centro de tratamento e valorización de residuos téxtiles no polígono industrial de Bergondo. A proposta, impulsada pola empresa Rudi 1944, SL, desenvolverase nunha nave xa existente, que será reformada internamente para adaptarse á nova actividade industrial.
Segundo o informe de impacto ambiental emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, "non son previsibles efectos adversos significativos sobre a contorna derivados do proxecto, sempre e cando se cumpra cos condicionantes fixados" na documentación presentada e na resolución da propia administración autonómica.
O procedemento seguiuse mediante unha avaliación ambiental simplificada, na que a documentación estivo dispoñible para participación pública, sen recibir alegacións. Consultáronse tamén nove organismos sectoriais, cuxas valoracións foron incorporadas á resolución final, engadindo requisitos específicos sobre protección ambiental, saúde, xestión de residuos, augas e solo.
O novo centro ocupará unha superficie de 846,75 metros cadrados, distribuídos en dúas plantas, e terá como obxectivo principal a transformación de residuos téxtiles. O proceso inclúe a inspección visual do material, a súa clasificación, posterior trituración e almacenamento, para ser finalmente empregado na fabricación de mobiliario de formigón fibrado.
O acondicionamento da nave prevé actuacións como a reorganización interior, modificación das instalacións técnicas e a incorporación do equipamento necesario. A resolución advirte que este informe non exime á empresa promotora de obter "todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles" antes de poñer en marcha a actividade.
Nos vindeiros días, a resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia e na web da Consellería, como paso previo á súa execución.