A Xunta culmina a restauración da cuberta e sancristía da igrexa de Santa María de Azougue

A igrexa de Santa María de Azougue, un dos mellores exemplos do gótico galego e símbolo do patrimonio de Betanzos, vén de finalizar unha nova fase de restauración centrada na renovación da cuberta e da sancristía. Os traballos, financiados pola Xunta de Galicia con preto de 450.000 euros, foron supervisados esta mañá pola delegada territorial, Belén do Campo; o codirector xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes; e o director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez.
Segundo explicou a delegada, esta intervención “encádrase no compromiso do Goberno galego coa conservación patrimonial neste Concello, somos a administración máis comprometida coa conservación, restauración, investigación e divulgación de bens patrimoniais en Betanzos”. Esta fase súmase ás actuacións realizadas entre 2021 e 2023 no retablo do templo, que contaron cunha achega de 75.500 euros, elevando o investimento total da Xunta na igrexa a máis de 525.000 euros.
A restauración permitiu resolver diversos problemas estruturais, especialmente os relacionados coas filtracións de auga na sancristía e as humidades nos teitos e paramentos verticais. Para iso, substituíronse as cubertas do templo, da sancristía e do acceso ao campanario. Neste último caso, renováronse tamén as viguetas, táboas e rastreis con madeira de castiñeiro.
As actuacións incluíron tamén a limpeza das fachadas, eliminación de vexetación, limpeza manual dos paramentos e elementos arquitectónicos, rexuntado con morteiro de cal e reparación das xuntas de carpinterías. Nas ventás onde faltaban elementos, colocáronse vidros novos.
Ademais, colocouse un babeiro na cabeza do resalte do muro sur e impermeabilizouse a espadana-campanario. Na cuberta, que é transitable, realizouse un trasdosado interior ventilado cun canle de evacuación de auga e impermeabilizouse a azotea, solucionando así os problemas de humidade que afectaban ao templo.
Para poder executar estas obras, a Consellería de Cultura asinou unha addenda ao convenio de colaboración coa Diocese de Santiago de Compostela, co obxectivo de dispor dos terreos e inmobles necesarios para a súa intervención.
Con esta actuación, a Xunta continúa apostando pola conservación e posta en valor do patrimonio histórico e artístico de Galicia, garantindo a protección de espazos de alto valor cultural e relixioso, como é o caso desta igrexa declarada Ben de Interese Cultural (BIC).