A Xunta critica a mala xestión de residuos do Concello da Coruña e insta á súa corrección inmediata

ACoruñaXa
Denunciou que o Concello non puxo a disposición da veciñanza o contedor de recollida selectiva de envases lixeiros
conselleira-medio-ambiente
13 Mar 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, lamentou que a cidadanía da Coruña teña que asumir as consecuencias da deficiente xestión de residuos por parte do Goberno municipal. En concreto, denunciou que o Concello non puxo a disposición da veciñanza o contedor de recollida selectiva de envases lixeiros, incumprindo así a normativa estatal.

Durante unha resposta parlamentaria, a titular autonómica subliñou que o Concello da Coruña leva anos sen cumprir a lei e os compromisos adquiridos en materia de tratamento de residuos. Como consecuencia, recentemente incoouse un expediente sancionador que podería derivar nunha multa de ata 100.000 euros, en aplicación do artigo 25 da Lei estatal de residuos.

Vázquez criticou que A Coruña sexa a única cidade de España sen recollida selectiva de envases lixeiros –plásticos, latas e briks– e insistiu en que o sistema de tratamento de residuos da planta de Nostián, baseado no modelo húmido-seco, está destinado a desaparecer. Segundo explicou, este modelo foi rexeitado por Bruxelas debido ao seu alto impacto ambiental, xa que mestura os envases coa fracción resto, incrementando o volume de refugallos que acaban en vertedoiro.

A conselleira lembrou que en Nostián o 50 % dos residuos acaban en vertedoiro, mentres que no modelo de Sogama esa porcentaxe redúcese ao 22 %. Por iso, instou ao Goberno local a tomar medidas urxentes para garantir unha xestión de residuos máis eficiente e sustentable.

Galicia, prexudicada pola mala xestión coruñesa

Ángeles Vázquez advertiu de que a falta de actuación do Concello da Coruña está a lastrar non só á cidade, senón tamén ao conxunto de Galicia no cumprimento dos obxectivos europeos en materia de reciclaxe e tratamento de residuos. De feito, sinalou que os modelos húmido-seco de Nostián e da Mancomunidade do Barbanza sitúan a Galicia en malas posicións nas clasificacións estatais de xestión de residuos.

A conselleira asegurou que a Xunta seguirá apoiando os concellos que cumpran coas esixencias ambientais e criticou a política impositiva do Goberno central, que considera prexudicial para as empresas xestoras de residuos, as administracións locais e a cidadanía. Tamén afeou que o Executivo estatal se opoña á tarifa reducida do canon de Sogama, aprobada pola Xunta para aliviar a carga económica que supoñen os novos impostos estatais para os municipios galegos.

A Xunta, reiterou Vázquez, continuará traballando para mellorar a xestión dos residuos en Galicia e insta ao Concello da Coruña a corrixir os seus incumprimentos para evitar novas sancións e garantir un modelo máis eficiente e respectuoso co medio ambiente.

⚙ Configurar cookies
0.37712597846985