A Xunta contribúe a eliminar un vertido de augas residuais no Mandeo

ACoruñaXa
Augas de Galicia detecta a incidencia en Pozamillos durante inspeccións rutineiras e o Concello de Oza Cesuras corrixe conexións domésticas indebidas á rede de pluviais
OZA-CESURAS rio mandeo
17 Oct 2025

A Xunta, a través de Augas de Galicia, colaborou na eliminación dun punto de vertido de augas residuais na bacía do río Mandeo, no termo municipal de Oza-Cesuras. A incidencia localizouse no lugar de Pozamillos, onde diferentes achegas de augas domésticas estaban a desembocar nun colector municipal destinado unicamente á evacuación de pluviais.

O persoal do Programa de Control de Vertidos (PCV) detectou o problema no marco das campañas de inspección e dos controis ordinarios que se realizan na Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa. As análises dunha mostra confirmaron contaminación fecal, polo que se abriu a investigación para determinar a orixe e esixir a súa corrección.

Augas de Galicia trasladou os feitos ao Concello de Oza-Cesuras, titular da rede de pluviais. Os servizos técnicos municipais comprobaron que a causa residía en varias acometidas domésticas conectadas indebidamente ao colector de pluviais e requiriron ás persoas propietarias que emendasen a situación.

Unha vez executadas as correccións, técnicos do PCV efectuaron unha nova visita de comprobación e certificaron que o punto de vertido ao río quedara resolto, restablecendo as condicións ambientais adecuadas no treito afectado.

⚙ Configurar cookies
0.070448875427246