A Xunta construirá cen vivendas protexidas en parcelas cedidas polo Concello da Coruña

ACoruñaXa
Martínez Allegue destacou que estas novas promocións súmanse ás 104 vivendas actualmente en construción en Xuxán
corunha-xunta-vivenda
19 Jun 2025

A Xunta de Galicia e o Concello da Coruña veñen de asinar un acordo de cesión de catro parcelas municipais para a construción de vivenda pública. Segundo anunciou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, esta colaboración permitirá poñer en marcha proxectos para edificar un cento de vivendas protexidas na cidade, cun investimento autonómico estimado de preto de 19 millóns de euros.

A conselleira, acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, explicou que as licitacións para a redacción dos proxectos xa están publicadas no perfil do contratante da Xunta. En concreto, trátase de 58 vivendas na parcela dos Rosais, 11 na zona de Rei Abdullah —preto da praza Porticada— e outras 30 nas dúas parcelas situadas en Pedro Fernández.

Martínez Allegue destacou que estas novas promocións súmanse ás 104 vivendas actualmente en construción en Xuxán, onde o Goberno galego leva investido xa 23,4 millóns de euros.

Aposta por máis solo residencial protexido

No mesmo acto, a Xunta reiterou a súa vontade de seguir desenvolvendo solo residencial na cidade herculina. Entre os proxectos destacados está o desenvolvemento do ámbito de Monte Mero, no que se contempla a construción de 4.310 vivendas, das que o 80 % serán protexidas.

A conselleira puxo en valor o modelo de cooperación institucional como vía para avanzar no acceso á vivenda: “O Goberno galego, ademais de construír vivenda en solos de titularidade autonómica, tamén está a avanzar cara á construción de fogares en parcelas de titularidade municipal que ceden á Xunta, como neste caso na Coruña”. Tamén sinalou que “é fundamental sumar esforzos entre administracións para dar resposta a unha das principais preocupacións da cidadanía, que é o acceso a unha vivenda digna”.

⚙ Configurar cookies
0.15612983703613