A Xunta concede a autorización ambiental integrada á planta de biometano prevista no polígono de Teixeiro, en Curtis

A Xunta de Galicia outorgou a Autorización Ambiental Integrada (AAI) ao proxecto dunha nova planta de produción de biometano e fertilizantes no polígono industrial de Teixeiro, no concello de Curtis, promovida pola empresa Bioetanol Galicia SA e declarada iniciativa empresarial prioritaria o ano pasado. Coa resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, que se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia, complétase a tramitación ambiental do proxecto por parte da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a iniciativa poderá seguir o seu percorrido administrativo.
O departamento autonómico dá así por rematado o procedemento de avaliación ambiental ordinaria, no que se tramitaron conxuntamente a declaración de impacto ambiental (DIA) e a propia AAI. Xa a finais de maio emitírase unha DIA favorable á construción da planta (condicionada ao cumprimento do estudo de impacto ambiental, da documentación presentada pola empresa e do programa de vixilancia ambiental), que agora se completa coa autorización integrada.
Segundo recolle a resolución, os organismos consultados durante a fase de información pública consideraron que o proxecto non xerará impactos significativos nos ámbitos analizados sempre que se respecten as condicións xerais e específicas fixadas nos seus informes. Entre outros aspectos, fíxase un seguimento particular sobre produción e xestión de residuos, emisións á atmosfera, calidade do aire, olores, ruído e xestión das augas residuais e vertidos.
A futura planta estará dedicada á valorización de residuos procedentes de explotacións gandeiras e industrias agroalimentarias mediante un proceso de dixestión anaerobia. A partir deste tratamento obterase biogás que, tras pasar por un sistema de 'upgrading' (proceso no que se separa o metano do dióxido de carbono e doutras impurezas), acadará calidade de biometano para poder ser inxectado na rede de gas existente.
A instalación, á que se accederá desde a actual planta de produción de etanol que Bioetanol Galicia xa explota na mesma zona, disporá dunha capacidade de tratamento de 150.053 toneladas de residuos ao ano (o que supón arredor de 507 toneladas ao día). O deseño prevé dúas liñas de dixestión anaerobia diferenciadas, en función do tipo de residuo de entrada e do destino final do dixerido producido, que poderá utilizarse como fertilizante.
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático lembra que a culminación dos trámites ambientais non exime a empresa promotora da obriga de solicitar e obter todas as demais autorizacións, licenzas, permisos ou informes sectoriais necesarios para a execución e posta en marcha da planta no polígono de Teixeiro.