A Xunta comprométese a unha reforma integral no CEIP Prácticas da Coruña tras a denuncia do BNG

ACoruñaXa
Mercedes Queixas obtén na Comisión 4ª de Educación un compromiso explícito para actuar nun colexio con deficiencias de seguridade e conservación
A CORUÑA mercedes queixas bng y ceip practicas coruña
12 Nov 2025

A deputada do BNG, Mercedes Queixas, logrou o compromiso do Secretario Xeral Técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila, para acometer unha reforma integral no CEIP Prácticas da Coruña. O anuncio produciuse na Comisión 4ª do Parlamento, despois de meses de reclamacións da comunidade educativa e de iniciativas parlamentarias sobre o estado do centro.

Queixas detallou problemas como o pavimento do ximnasio afundido, ventás que se desprenden, humidades con fungos, deficiencias na instalación eléctrica e ferruxe, cuestións que veñen denunciando familias e profesorado. As ANPA e a dirección do colexio levaron a cabo mobilizacións e alertas públicas por un deterioro que inclúe caída de cascotes e carpintarías en mal estado.

O BNG censurou que o CEIP Prácticas quedase fóra dos plans anuais de investimento da Xunta malia o seu avanzado deterioro. O Goberno galego presume de máis de 3.000 actuacións desde 2021 no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, mentres a comunidade educativa do Prácticas segue agardando un calendario e obras efectivas.

Ademais, a Xunta engadiu que mantén a 'máxima vontade' de pechar un acordo para unha solución integral, lembrando que o mantemento ordinario é competencia municipal e que o edificio é de titularidade compartida entre Xunta, Concello e UDC, cunha protección patrimonial que obriga a conservar íntegra a envolvente. Os equipos técnicos das tres institucións traballan conxuntamente en actuacións como a renovación da cuberta e das ventás, e o departamento de Educación apela a 'sumar esforzos' e a que cada parte asuma a súa responsabilidade. A Consellería salientou obras realizadas en 2024 por máis de 30.000 euros e situou preto de 100 actuacións na cidade ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, con 23,3 millóns de euros de investimento.

⚙ Configurar cookies
0.069987773895264