A Xunta comprométese a responder ás demandas de Oleiros sobre o transporte público

A raíz das reiteradas denuncias do Concello de Oleiros polos continuos problemas no transporte público, a Xunta de Galicia comprometeuse a dar resposta nun prazo breve ás principais demandas trasladadas polo Goberno local. Desde o executivo municipal advirten, con todo, que non van cesar nas súas esixencias até que se produza unha mellora real do servizo.
Na reunión celebrada o 10 de decembro entre representantes municipais e autonómicos, o alcalde de Oleiros volveu expor as necesidades máis urxentes e insistiu na importancia de reforzar as liñas que se atopan saturadas a diario. A falta dunha confirmación oficial, que se agarda para o mes de xaneiro, o Concello confía en que se cree dunha vez por todas unha liña de bus entre Perillo e a universidade; que o servizo Entrexardíns-O Seixal se prolongue até o centro da parroquia de Nós; que se incrementen as conexións co polígono comercial de Iñás; e que se reforcen as liñas con maior demanda nas horas punta, aproveitando para mellorar tamén as conexións con Abeleiras e Xaz.
Respecto ao bus 1-A a Santa Cristina, o Goberno local volveu incidir na imposibilidade de abonar 50.000 euros á empresa Cal Pita mentres esas cantidades non estean debidamente xustificadas. O Concello sostén que, se a compañía considera que ten dereito a percibir esa suma, debería reclamala pola vía xudicial (algo que, segundo subliñan, aínda non fixo); pero en ningún caso ese conflito debe servir de impedimento para o regreso do bus urbano da Coruña a Oleiros.
Durante o encontro, o alcalde puxo enriba da mesa a posibilidade de asinar un novo convenio que permita recuperar o servizo do 1-A de cara ao próximo verán, á espera de que a Xunta concrete por escrito os compromisos anunciados e se avancen nas melloras reclamadas pola veciñanza oleirense.