A Xunta comprométese a avanzar coa Vía Ártabra tras unha reunión coa alcaldesa de Cambre

ACoruñaXa
A Vía Ártabra leva anos considerada unha infraestrutura prioritaria para mellorar a mobilidade na comarca
vivienda-cambre
26 Jun 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, mantivo un encontro de traballo coa alcaldesa de Cambre, Diana Piñeiro, co obxectivo de reforzar a colaboración institucional e dar novos pasos no impulso da Vía Ártabra.

A xuntanza serviu para reafirmar o consenso entre a Xunta e o Goberno local de Cambre arredor desta infraestrutura viaria, considerada estratéxica para mellorar as comunicacións tanto deste concello como do veciño Oleiros, e en xeral para toda a área metropolitana da Coruña.

Durante a reunión, María Martínez Allegue trasladoulle á rexedora local o compromiso firme da Xunta de Galicia para continuar tramitando o proxecto de trazado “con paso firme e a máxima axilidade”, de cara a sometelo a información pública ao longo deste mesmo ano.

A titular de Vivenda e Infraestruturas puxo en valor a importancia da cooperación entre administracións para sacar adiante proxectos que, segundo subliñou, “contribúan a mellorar a calidade de vida dos cidadáns”. Neste sentido, destacou que a coordinación entre Xunta e Concello será clave para axilizar os trámites e garantir o éxito da actuación.

A Vía Ártabra leva anos considerada unha infraestrutura prioritaria para mellorar a mobilidade na comarca, especialmente nas conexións coas principais vías de alta capacidade e coa cidade da Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.16819190979004