A Xunta avanza nun inmoble para habilitar tres vivendas de alugueiro público na Coruña

A Xunta de Galicia continúa avanzando no proceso de contratación das obras de rehabilitación dun inmoble situado na rúa San Andrés 88, no casco histórico da Coruña, co obxectivo de habilitar tres vivendas de promoción pública destinadas ao alugueiro. A actuación xa conta con dúas ofertas presentadas por empresas interesadas en executar os traballos.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), licitou esta intervención cun investimento superior a 1,3 millóns de euros e prevé iniciar as obras ao longo deste mesmo ano.
Esta actuación enmárcase no programa Rexurbe, unha iniciativa coa que a Xunta promove a rehabilitación de inmobles en centros históricos para cualificar as vivendas resultantes como públicas e ofrecer un alugueiro accesible ás persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda.
O programa Rexurbe non só facilita o acceso á vivenda, senón que tamén busca recuperar e dinamizar os centros históricos galegos, incentivando ademais a implicación da iniciativa privada na recuperación destes conxuntos urbanos.
Desde a súa posta en marcha, o programa permitiu a adquisición de 94 inmobles en Galicia, cos que se prevé crear 167 vivendas públicas. Ata o momento, 33 vivendas xa están finalizadas e unha decena atópanse en fase de execución.
O investimento global da Xunta neste programa alcanza os 30 millóns de euros, dos cales 28,6 millóns proceden de fondos autonómicos e 1,39 millóns de euros de fondos europeos MRR, que permitirán financiar 24 das 167 vivendas previstas.