A Xunta autoriza unha planta solar fotovoltaica en Arteixo con 3.000 paneis e 1,41 MW de potencia

A Xunta de Galicia concedeu a autorización administrativa previa e de construción para unha instalación solar fotovoltaica de 1,41 megavatios no concello de Arteixo. O proxecto, promovido pola Cooperativa Enerxética Cidadá de Arteixo Sociedade Cooperativa Galega, contempla a colocación de 3.000 paneis nunha parcela de máis de 21.000 metros cadrados, na zona das Fontes do Millo, en Larín de Arriba, cun investimento estimado de preto de 2 millóns de euros.
A autorización abrangue, ademais dos módulos fotovoltaicos, as infraestruturas necesarias para evacuar a enerxía xerada: un centro de transformación, celas de alta tensión, cadros de baixa tensión, diversas interconexións e a rede de cableado para o transporte da electricidade producida na parcela.
Unha vez rematada a obra, a titularidade deberá solicitar a autorización de explotación e achegar o certificado de final de obra que acredite que a execución se axusta ao proxecto aprobado. Este trámite permitirá inspeccionar o conxunto das instalacións e verificar o cumprimento dos condicionantes fixados durante a tramitación.
As autorizacións administrativas outórganse sen prexuízo de terceiros e con independencia das licenzas e permisos de ámbito municipal, provincial ou doutras administracións e entidades afectadas que sexan preceptivos para completar as actuacións previstas.