A Xunta autoriza con condicións ambientais un novo campamento turístico en Arteixo

O proxecto, promovido nunha parcela de máis de 5.200 metros cadrados (dun total de 16.000), prevé a construción de cinco cabanas de madeira destinadas a aloxamento, ademais dunha cabana para recepción e servizos, con vías interiores, zonas verdes e aparcadoiro.
Segundo o informe de impacto ambiental (IIA), non se prevén efectos adversos significativos sobre o medio, sempre que o promotor cumpra cos condicionantes establecidos na resolución e na documentación avaliada. O proceso de avaliación desenvolveuse mediante o procedemento simplificado, con participación pública —sen recibir alegacións— e consultas a nove organismos.
O informe establece tamén as bases para o programa de vixilancia e seguimento ambiental, que deberá redactar o promotor, e fixa medidas en materia de protección da atmosfera, das augas, do solo, da paisaxe e do patrimonio natural e cultural.
A resolución ambiental non exime da obtención doutros permisos e licenzas sectoriais, e publicarase no Diario Oficial de Galicia e na web da Consellería. O documento será remitido á Axencia Turismo de Galicia, órgano substantivo do proxecto.