A Xunta autoriza ambientalmente un novo desenvolvemento residencial de 160 vivendas na Penouqueira en Arteixo

A Xunta de Galicia emitiu o visto e prace ambiental ao Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para o desenvolvemento residencial na Penouqueira, na Baiuca, no concello de Arteixo, unha actuación coa que se prevé impulsar a creación dunhas 160 vivendas, na súa maior parte protexidas.
O informe ambiental estratéxico da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático conclúe que o plan non debería xerar efectos adversos significativos na contorna, aínda que incorpora condicións que deberán atenderse para afondar en determinados aspectos antes de avanzar na tramitación. O documento publicarase nos próximos días no Diario Oficial de Galicia.
O ámbito sobre o que se proxecta a urbanización suma 81.965 metros cadrados e sitúase na área periurbana leste da Baiuca, núcleo principal e sede administrativa de Arteixo, incorporando tamén terreos da ladeira occidental do Monte da Penouqueira. O borrador contempla, xunto ás vivendas, reservas para equipamento comunitario, espazos libres e zonas verdes.
A avaliación realizouse mediante un procedemento simplificado, no que a documentación se someteu a consultas e o público puido revisar o borrador do PIA e o documento ambiental durante 30 días hábiles no portal da Consellería. Unha vez emitida a resolución, o informe remitirase ao promotor e farase público a través do DOG e da web autonómica.
No apartado de accesos, a proposta aposta por ampliar e reurbanizar parte do viario existente e proxecta a Travesía da Coruña como vía principal de entrada ás futuras edificacións residenciais e dotacionais.