A Xunta apoiará a xira do 40º aniversario de Luar na Lubre para achegar a súa música á diáspora en Arxentina, Uruguai e Chile

A Xunta de Galicia colaborará coa formación coruñesa Luar na Lubre na xira internacional do seu 40º aniversario, coa que o grupo actuará durante o mes de marzo en Arxentina, Uruguai e Chile. O obxectivo é reforzar os vínculos coa comunidade galega do exterior e impulsar a proxección internacional da cultura galega.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, presentou este xoves en Santiago de Compostela a axenda de actuacións acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e polo fundador do grupo, Bieito Romero. No acto, o titular de Emprego puxo en valor a traxectoria de Luar na Lubre desde 1985, combinando raíces tradicionais con influencias folk e célticas, e sinalou que a xira supón unha oportunidade para fortalecer lazos coa diáspora, chegar a novos públicos e consolidar a imaxe de Galicia como terra referente.
Segundo explicou a Xunta, a colaboración estrutúrase en dúas liñas. Por unha banda, promoverase que os concertos cheguen ás colectividades galegas de Bos Aires, Rosario, Córdoba, Montevideo e Santiago de Chile. Pola outra, organizaranse actividades culturais complementarias nos centros galegos destas localidades, como masterclass e encontros cos membros da banda, co propósito de reforzar o papel destas entidades como espazos de encontro e dinamización cultural.
González destacou tamén o papel da música como embaixadora da cultura galega e lembrou a boa acollida dos concertos de Luz Casal e Baiuca celebrados en Bos Aires o pasado ano no marco da iniciativa ‘Saborea Galicia Calidade’.
A xira inclúe seis citas e arrancará o 5 de marzo en Montevideo, no Teatro El Galpón. Continuará o 7 de marzo en Santiago de Chile, no Centro Cultural Ceina, e completará catro concertos en Arxentina: o 10 e o 12 de marzo en Bos Aires (Sala La Trastienda), o 13 de marzo en Rosario (Teatro Lavardén) e o 14 de marzo en Córdoba (Teatro Real). Coa iniciativa, a Xunta reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura galega e co fortalecemento das relacións coa comunidade galega do exterior.