A Xunta apoia con case 40.000 euros a reforma do Caserío do Tión para mellorar eficiencia e accesibilidade

ACoruñaXa
Belén do Campo visita en Coirós o restaurante, que renovou a terraza para usala todo o ano, e lembra que a liña de axudas repartiu 4,5 millóns de euros en 212 subvencións
COIRÓS casería de tion
24 Dec 2025

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou xunto ao alcalde de Coirós, Francisco Quintela, o restaurante Caserío do Tión, un dos establecementos beneficiarios da orde de subvencións destinada á mellora de infraestruturas turísticas en aloxamentos e locais de restauración. Durante o percorrido, a representante autonómica puxo en valor que a actuación realizada permite ao negocio reforzar o seu compromiso coa calidade e coa modernización continua das súas instalacións.

O establecemento recibiu case 40.000 euros, unha achega que supón o 40% do investimento total, e que serviu para acometer unha intervención centrada na adecuación da terraza exterior. O obxectivo foi optimizar a eficiencia enerxética, mellorar a accesibilidade e aumentar o confort tanto para a clientela como para o persoal.

A reforma transformou un espazo que ata agora estaba condicionado por unha cuberta de lona con problemas de illamento e menor protección fronte ao tempo nunha terraza máis moderna e funcional, pensada para integrarse na actividade do restaurante durante todo o ano. O proxecto incluíu a substitución da cuberta por paneis tipo sándwich con illamento térmico e a instalación de peches mediante paneis, o que mellora o comportamento térmico e tamén a resistencia estrutural do conxunto.

Ademais, incorporáronse ventás de PVC con dobre acristalamento, un pavimento de parquet cerámico antiescorregadizo e iluminación LED de baixo consumo, medidas coas que o local busca avanzar en sustentabilidade e aforro enerxético. Entre as actuacións tamén figurou a instalación de sistemas de aire acondicionado e a construción de dous baños, un deles adaptado para persoas con mobilidade reducida, garantindo así a accesibilidade universal e o cumprimento da normativa.

Segundo se indicou na visita, a reforma permite ampliar o aproveitamento da terraza durante os doce meses, reducindo a estacionalidade e mellorando a rendibilidade do negocio, con impacto positivo na estabilidade do emprego e na calidade do servizo.

No balance da liña de axudas, Belén do Campo lembrou que a convocatoria contou este ano con 4,5 millóns de euros (3,5 millóns para establecementos hoteleiros e 1 millón para restaurantes) e que se concederon 212 axudas en total. Na provincia da Coruña, os aloxamentos recibiron 70 subvencións por un importe de 1,4 millóns de euros. Na comarca de Betanzos, ademais do Caserío do Tión, tamén foi beneficiario o albergue Alvarella, en Vilarmaior, cunha achega de case 9.000 euros para actuacións de renovación e modernización.

A delegada salientou tamén a boa acollida da orde, que en 2025 incrementou o seu orzamento ao sumar 1 millón de euros aos 3,5 millóns cos que estivera dotada en 2024, e avanzou que a convocatoria volverá publicarse o ano que vén para que o sector poida seguir actualizando instalacións. A Xunta enmarca estas achegas na necesidade de manter unha rede de restaurantes e aloxamentos competitiva e de avanzar cara a un turismo de calidade, máis accesible e sostible.

⚙ Configurar cookies
0.084049940109253