A Xunta apoia con axudas a centros de adestramento especializado e clubs da provincia

ACoruñaXa
Na comarca foron concedidas axudas a 161 entidades deportivas e catro núcleos de adestramento
xunta-deporte
3 Jul 2025

A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, informou da resolución das axudas destinadas a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado (NADE) para o desenvolvemento de actividades deportivas. Esta liña de subvencións, dotada con 2 millóns de euros para toda Galicia e en réxime de concorrencia competitiva, supón un importante apoio ao tecido deportivo galego.

No caso da provincia da Coruña, foron beneficiarias 525 entidades e 5 centros de adestramento especializado, cun importe total próximo aos 810.000 euros. En concreto, na comarca da Coruña foron concedidas axudas a 161 entidades deportivas e catro núcleos de adestramento por un total de case 340.000 euros.

A delegada fixo este anuncio durante unha visita ao Sporting Club Casino da Coruña, que recibiu unha destas achegas para as súas disciplinas de atletismo, billar, natación, pádel, tenis e xadrez. Ademais, Do Campo destacou un investimento adicional da Xunta de 25.000 euros para a reposición do céspede artificial de cinco pistas de pádel destas instalacións, no marco da orde de axudas para a mellora e adecuación de instalacións deportivas.

Durante a visita, Belén do Campo tamén lembrou que o Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria de axudas para a adquisición de equipamento deportivo correspondente ao ano 2025. O prazo de solicitude está aberto ata o 7 de xullo e contará cun orzamento global de 1.440.000 euros.

As subvencións distribúense en dúas liñas: unha para clubs deportivos e sociedades anónimas deportivas (1.162.000 euros), e outra para federacións deportivas (278.000 euros). Dentro de cada liña, ata un 40 % do crédito poderá destinarse á adquisición de vehículos para o transporte de deportistas e material, como furgonetas ou embarcacións.

As axudas poderán alcanzar ata un máximo de 10.000 euros no caso de equipamento de mobilidade e 5.000 euros para o resto de material, sufragando a Xunta ata o 80 % do custo total. O prazo para executar os proxectos subvencionados e presentar a xustificación final rematará o 31 de outubro de 2025.

⚙ Configurar cookies
0.17405796051025