A Xunta apoia a renovación do centro rural de Coirós con diferentes melloras

A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto co alcalde de Coirós, Francisco Quintela, visitou este municipio para comprobar as melloras realizadas no centro rural do Concello grazas ao apoio do Goberno galego. A través da orde de infraestruturas de uso público, a Xunta destinou máis de 35.000 euros á renovación deste espazo no 2024.
As obras consistiron na mellora do edificio, de 210 m2 en planta, incluíndo a renovación do peche perimetral con madeira, acristalamento de metacrilato e persianas motorizadas, o que permite unha mellor integración entre o espazo cuberto interior e a zona exterior destinada a eventos públicos. Tamén se levou a cabo a rehabilitación da cuberta sandwich deteriorada, realizando a súa limpeza e pintura, ademais da restauración da estrutura metálica inferior mediante limpeza, eliminación de corrosión e pintado. A actuación incluíu, ademais, a renovación da instalación eléctrica tanto de forza como de iluminación e a adquisición de material auxiliar.
Durante a visita, a representante do Goberno autonómico destacou que esta liña de axudas para o presente ano conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros. Segundo explicou, esta iniciativa forma parte do compromiso da Xunta co desenvolvemento local, especialmente nos municipios con menor poboación, xa que está dirixida a concellos de menos de 30.000 habitantes.
As achegas concedidas a través desta orde cobren ata o 80 % do custo das actuacións relacionadas coa creación ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. A convocatoria inclúe proxectos nas redes de alumeado público, pavimentación de camiños municipais, acondicionamento de prazas, parques, paseos e rúas, así como a rehabilitación de edificios municipais e a mellora da súa accesibilidade.
No pasado ano, esta medida permitiu financiar sete proxectos municipais na comarca de Betanzos, beneficiando aos concellos de Coirós, Oza-Cesuras, Vilasantar, Curtis, Miño, Irixoa e Vilarmaior cun investimento global de preto de 248.000 euros.