A Xunta anuncia a licitación de novas obras no IES Manuel Murguía e no CEIP Ponte dos Brozos

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou en Arteixo a inminente licitación de novas obras no IES Manuel Murguía e no CEIP Ponte dos Brozos, cun investimento total de 1,7 millóns de euros. Estas actuacións súmanse á ampliación do IES A Pastoriza, xa en execución por máis de 2,1 millóns de euros, o que eleva a case 4 millóns de euros o investimento da Xunta no municipio a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.
A rehabilitación integral do IES Manuel Murguía contará cun orzamento superior a 1,3 millóns de euros, incluíndo a substitución de cubertas, renovación da carpintería exterior, illamento térmico e mellora da iluminación. No caso do CEIP Ponte dos Brozos, destinaranse case 400.000 euros á renovación da cuberta.
Ademais do impulso ás infraestruturas educativas, Arteixo vén de ser distinguido como Cidade da Ciencia e Innovación, un recoñecemento ao seu compromiso coa investigación e o desenvolvemento tecnolóxico. O conselleiro felicitou ao alcalde, Carlos Calvelo, por este logro, destacando que permitirá ao concello acceder a fondos europeos para reforzar as súas capacidades en innovación e tecnoloxía.
Durante a súa visita, Román Rodríguez animou a Arteixo a participar nos novos plans locais de I+D+i enmarcados no Plan de Investigación e Innovación de Galicia 2025-2027. O obxectivo desta iniciativa é que os concellos poidan identificar retos locais e desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás súas necesidades, contribuíndo así ao progreso de todo o territorio galego.