A Xunta anuncia 24 millóns de euros para rehabilitar e modernizar os colexios e institutos da cidade de A Coruña

ACoruñaXa
O Goberno galego asegura que a maior parte das grandes actuacións xa están rematadas e reclama ao Concello que asuma o mantemento dos centros de Infantil e Primaria para evitar danos maiores
XUNTA 24 mill a coruña coles
25 Feb 2026

A Xunta de Galicia informou este martes dun investimento de 24 millóns de euros destinado á modernización e rehabilitación de centros educativos da cidade da Coruña, no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Segundo explicou a administración autonómica, trátase dun conxunto de arredor de cen intervencións en preto de 40 centros, con actuacións de diferente tamaño, desde reformas integrais e melloras estruturais ata obras de verán e instalacións enerxéticas.

No apartado das obras de maior envergadura, a Xunta detallou que se contabilizan 24 actuacións cun investimento global de 14,15 millóns de euros e que a ‘inmensa maioría’ xa están finalizadas. Na actualidade, permanecen en execución tres proxectos por case 3,7 millóns de euros: a rehabilitación integral do CIFP Ánxel Casal (Monte Alto), cun orzamento de 2,5 millóns; o cambio de cuberta no IES Ramón Menéndez Pidal, con 725.000 euros, e a cubrición da pista deportiva do IES Salvador de Madariaga, con 485.000 euros.

A maiores, a Xunta indicou que veñen de concluír recentemente outras tres actuacións por un importe próximo aos 4 millóns de euros, centradas na rehabilitación do IES Rafael Dieste (1,7 millóns) e en melloras sectoriais no IES Salvador de Madariaga (1,7 millóns) e no IES Ramón Otero Pedrayo (530.000 euros). Tamén se están preparando proxectos para outras dez intervencións, cunha previsión inicial de case 8,7 millóns de euros, nas que se sinalan como prioridades a ampliación do IES Agra do Orzán (1,85 millóns) e o cambio de cuberta do CEIP Sal Lence (241.000 euros).

En paralelo ás obras máis complexas, a Xunta apuntou que se realizaron tres instalacións fotovoltaicas en centros da cidade e ao redor de 60 actuacións de verán nos últimos anos, enmarcadas no Plan Ben_Estar. Estes traballos, cun investimento aproximado de 1,2 millóns de euros, incluíron reformas de baños, pintura, pequenas melloras de accesibilidade, humanización de espazos e arranxos de patios, entre outras intervencións.

Durante a presentación informativa, a administración autonómica fixo tamén unha chamada directa á cooperación entre institucións. A Xunta insistiu en que a falta de mantemento municipal pode agravar danos pequenos ata convertelos en problemas de maior alcance e pediu que o Concello asuma as súas competencias nos centros de Educación Infantil e Primaria. Nesa liña, avanzou que propoñerá ao Goberno municipal a sinatura dun protocolo de colaboración para coordinar e axilizar actuacións e planificacións futuras.

Por último, a Xunta volveu reclamar implicación do Goberno central, cun plan estatal de infraestruturas educativas e unha rebaixa do IVE nas intervencións en centros educativos, argumentando que o envellecemento do parque de edificios escolares é un problema xeneralizado en España.

0.12885308265686