A Xunta anima os concellos a pedir axudas para modernizar parques empresariais

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, animou os concellos galegos a solicitar a liña de axudas dotada con 3,1 millóns de euros para mellorar infraestruturas e servizos nos parques empresariais e reforzar a súa competitividade. A representante do Goberno autonómico fixo este chamamento durante unha visita ao parque empresarial de Coirós, acompañada polo alcalde, Francisco Quintela, e polo director territorial de Economía e Industria, Isidoro Martínez.
Segundo explicou, a convocatoria permanece aberta ata o 3 de marzo e financia ata o 80 % do investimento subvencionable, cun tope de 120.000 euros nas solicitudes individuais e de 138.000 euros nas conxuntas. Como novidade, os fondos poderán destinarse tamén a actuacións que favorezan a integración paisaxística dos polígonos no seu contorno.
Na visita, Do Campo comprobou a actuación executada en 2025 ao abeiro destas achegas, pola que o Concello de Coirós recibiu arredor de 51.000 euros. Ese investimento permitiu habilitar unha parcela de 855 metros cadrados como zona de aparcamento, pavimentada con rego asfáltico e aglomerado en quente, e completouse cun murete de mampostería de granito para sostemento e drenaxe do noiro, ademais da sinalización horizontal e vertical.
O parque empresarial de Coirós conta cunha superficie de 456.935 metros cadrados, alberga 25 empresas e dispón dunha rede de viarios e aparcadoiros de 1.755 metros, un conxunto que a Xunta considera estratéxico para a actividade económica da comarca.
No balance provincial, a Xunta sinala que este polígono foi un dos 72 beneficiarios da liña en toda Galicia. Deles, 27 corresponden á provincia da Coruña, con achegas por preto de 2,4 millóns de euros. Na comarca de Betanzos, os parques de Coirós, Bergondo e Curtis sumaron un investimento conxunto próximo aos 291.000 euros.