A Xunta adscribe o Colexio Novo Mesoiro ao IES a Sardiñeira dos Mallos con transporte escolar gratuíto

ACoruñaXa
Tamén se avanzou a remodelación da aula do semi-soto e a súa adecuación como aula de tecnoloxía e a reforma do laboratorio
Imaxe do CEIP Novo Mesoiro
3 Xul 2024

O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Manuel Vila, anunciou este mércores a adscrición “de facto” do Colexio CEIP Novo Mesoiro ao Instituto IES A Sardiñeira da Coruña, unha decisión que é froito “das escoitas e das demandas” da comunidade educativa.

Segundo explicou ante a ante a Comisión 4ª do Parlamento de Galicia, esta adscrición, que será oficial unha vez que se aprobe na Xunta Provincial de Directores, leva aparellado o servizo de transporte escolar gratuíto para os alumnos do Colexio Novo Mesoiro que decidan continuar os seus estudos no instituto do barrio dos Mallos.

A nova enmárcase no compromiso do Goberno galego por ofrecer unha educación de calidade, tanto desde a perspectiva académica e pedagóxica como de servizos e de infraestruturas escolares axeitadas.

Precisamente no eido da mellora das infraestruturas, Manuel Vila anunciou o acondicionamento da aula do semi-soto como aula de tecnoloxía e a reforma do laboratorio, unha actuación que terá un coste estimado de arredor de 50.000 euros e que a Consellería traballa para poder realizar durante este verán.

Cambio da cuberta

Paralelamente, desde o pasado mes de xuño xa se está executando o cambio de cuberta do edificio de Formación Profesional,así como outras actuacións na cuberta dos edificios do instituto, por un importe de máis de 400.000 euros.

A actuación, que está previsto que estea rematada antes do inicio do curso, abrangue a retirada do actual teito e a colocación dun panel para evitar a filtracións de auga, así como a limpeza e impermeabilización dos canlóns e a substitución das baixantes. No que atinxe ao edificio do IES e o edificio anexo do ximnasio, levarase a cabo a limpeza da cuberta e a impermeabilización dos soportais e a renovación e protección de baixantes.

 

0.19069600105286