A Xunta admite a solicitude de axuda do Concello de Culleredo para o Centro de Información á Muller

ACoruñaXa
A administración autonómica revoga a exclusión inicial tras a presentación dun recurso de reposición que aceptou os argumentos do goberno local
CIM-Culleredo
15 Jul 2025

O Concello de Culleredo conseguiu que a Xunta de Galicia admitise a súa solicitude de axuda económica para o funcionamento do Centro de Información á Muller (CIM), logo de presentar un recurso de reposición contra a resolución inicial que excluía a súa petición por non ter presentada a conta xeral.

A Consellería de Política Social valorou a argumentación municipal, xa que a conta xeral foi aprobada o 13 de maio, data anterior á resolución que denegaba a axuda o 20 de maio. Ademais, destacou que a natureza esencial do CIM xustifica a excepcionalidade do incumprimento, se fose o caso, e que na actuación do Concello se respectaron os principios de boa fe e confianza lexítima.

Por iso, a Xunta anulou a exclusión e devolveu o procedemento ao momento da comisión de avaliación para que se reconsidere a solicitude.

O goberno municipal lamenta que esta tramitación habitual fose empregada con fins electoralistas pola portavoz do PP de Culleredo, que buscou crear alarma social nun asunto sensible para sacar rédito político. Agora, queda patente que o Concello actuou correctamente e que non había ningún problema coa subvención.

O equipo de goberno reproba a actitude da líder popular, que non agardou a resolución definitiva e difundiu información falsa sobre a falta de apoio ás vítimas de violencia machista, un “bulo de absoluta baixesa moral”, xa que o servizo non se vería afectado en ningún caso.

O Concello agarda que esta situación leve a reflexionar á portavoz do PP e que desempeñe o seu cargo con rigor e responsabilidade.

⚙ Configurar cookies
0.16834998130798