A Xunta acusa ao Estado de eludir responsabilidades pola dragaxe da ría do Burgo

ACoruñaXa
A Consellería do Mar carga contra o Ministerio de Transición Ecolóxica pola falta de compensacións ás mariscadoras afectadas
ria-burgo
11 Apr 2025

A polémica pola dragaxe da ría do Burgo volve ao primeiro plano tras as duras acusacións lanzadas pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde. Durante un encontro con representantes da confraría da zona, a responsable da Xunta criticou con dureza ao Goberno central por “agocharse” e non asumir os efectos negativos da actuación sobre o marisqueo, que afecta a máis de 70 familias.

A Consellería do Mar acusa á Secretaría de Estado de Medio Ambiente de practicar unha “fuxida cara adiante” ao non responder á carta enviada a finais de xaneiro, na que se reclamaban compensacións económicas para as persoas mariscadoras que tiveron que deter a súa actividade debido á dragaxe. A misiva, segundo apunta a Xunta, segue sen resposta por parte do Ministerio.

Villaverde cualificou os traballos de dragado como unha “chapuza” chea de deficiencias, e asegurou que 24 dos 27 bancos marisqueiros presentan hoxe un peor estado que antes do inicio das obras. “Non estamos ante unha actuación de rexeneración, senón ante unha obra mal executada que compromete o futuro da actividade marisqueira na ría”, advertiu.

Segundo un informe técnico elaborado pola confraría, os efectos negativos inclúen a redución das superficies produtivas, alteracións na batimetría, cambios na estrutura do terreo mariño e a presenza de irregularidades causadas pola maquinaria pesada. A directora xeral alertou da grave “incerteza” que xera esta situación nas mariscadoras, que seguen sen poder retomar a súa actividade ao non acadar os bivalvos aínda o tamaño comercial esixido.

A Xunta reclama que se cumpra a Declaración de Impacto Ambiental publicada no BOE en setembro de 2017, que contempla a obriga de indemnizar ás persoas afectadas desde a fin das obras ata que poidan volver mariscar. “É evidente que en Madrid non comprenden, ou non queren comprender, o que aquí está a suceder”, reprochou Villaverde.

Desde a Consellería insisten en que é o Goberno central quen debe asumir os custos e responsabilidades dunha obra que promoveu e executou, e critican que se pretenda trasladar á Xunta a carga de solucionar unha crise que non provocou. “Actúan de mala fe e tratan con total irresponsabilidade a un sector esencial, utilizando ás mariscadoras como dano colateral”, concluíu Villaverde.

⚙ Configurar cookies
0.16012501716614