A Xunta activa na provincia a coordinación policial para previr e combater os incendios forestais este verán

ACoruñaXa
A delegada da Xunta, Belén do Campo, salientou que este verán a provincia contará cun despregue de 115 brigadas
incendios-corunha
30 Jun 2025

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, presidiu a reunión do Comité Provincial de Coordinación Policial contra os Incendios Forestais, un encontro estratéxico no marco da preparación da campaña de alto risco para o verán de 2025. Á xuntanza tamén asistiu a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, así como representantes das forzas e corpos de seguridade do Estado, membros da Delegación do Goberno e da Dirección Territorial de Medio Rural.

O obxectivo principal do encontro foi “reforzar a coordinación entre administracións e avanzar na loita contra os lumes no territorio provincial”, nun contexto marcado polo aumento do risco de incendios durante os meses máis cálidos.

Durante a sesión, o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) presentou unha análise pormenorizada da evolución dos incendios rexistrados en 2024 e no que vai de 2025, centrada nos focos máis relevantes, a superficie queimada e os tempos de resposta das brigadas. Ademais, planificouse a actividade de vixilancia preventiva para os próximos meses, coordinando medios técnicos e humanos de diferentes administracións.

A delegada da Xunta salientou que este verán a provincia da Coruña contará cun despregue de 115 brigadas (Medio Rural, GES e concellos), 88 motobombas, 4 bulldozer e 2 helicópteros, así como un total de 1.285 persoas mobilizadas nas tarefas de defensa contra incendios. Ademais, destacou a importancia de seguir investindo na renovación de vehículos e equipamentos: “A cooperación entre administracións e corpos de seguridade é clave para anticiparse, actuar con eficacia e, sobre todo, previr os incendios forestais que ameazan o noso patrimonio natural, a seguridade das persoas e o medio rural galego”.

Outro punto tratado foi o balance das investigacións realizadas polas forzas de seguridade sobre os incendios do ano anterior. As conclusións permitiron afondar nas causas e na identificación de autores e patróns recorrentes segundo os distritos forestais da provincia.

Do Campo tamén puxo en valor os simulacros realizados pola Xunta en colaboración con outras administracións para mellorar a coordinación operativa, como o máis recente desenvolvido no concello de Rianxo.

Finalmente, a delegada territorial fixo un chamamento á cidadanía para colaborar na prevención: “3 de cada 4 lumes son intencionados”, lembrou, apelando á responsabilidade individual e á denuncia de calquera actividade sospeitosa. A Xunta lembra que están dispoñibles os teléfonos 085 para alertar sobre incendios e o 900 815 085, anónimo e gratuíto, para comunicar calquera indicio de actividade incendiaria.

⚙ Configurar cookies
0.16526889801025