A Xunta activa 11,7 millóns para que os concellos impulsen rehabilitación e vivenda protexida

A Xunta vén de activar unha nova convocatoria de fondos de cooperación por valor de 11,7 millóns de euros dirixida aos concellos galegos co obxectivo de impulsar a rehabilitación do patrimonio construído e facilitar a promoción de vivenda protexida de nova construción. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, presentou este mércores en Curtis estas liñas de apoio durante a visita a un edificio municipal rehabilitado ao abeiro deste programa e que será destinado a centro para a veciñanza.
A iniciativa, publicada este 25 de marzo no Diario Oficial de Galicia, permitirá aos municipios solicitar os préstamos entre o 6 de abril e o 15 de outubro. Segundo destacou a titular de Vivenda, a medida busca cumprir un dobre obxectivo: mellorar equipamentos públicos municipais e reforzar as políticas de acceso á vivenda, especialmente no ámbito local.
Do total mobilizado, máis de 8,6 millóns de euros destinaranse ao fondo de cooperación para financiar a promoción de vivenda protexida, unha liña que se convoca por segundo ano consecutivo. Os concellos poderán empregar estes préstamos sen xuros para promover directamente novas vivendas ou facelo a través doutros promotores. Tamén se contempla a posibilidade de financiar actuacións de urbanización para obter solo, crear parcelas edificables ou adquirir terreos destinados á construción de inmobles protexidos.
A segunda liña, dotada con algo máis de 3 millóns de euros, está orientada á rehabilitación e conservación do patrimonio construído en municipios de menos de 50.000 habitantes. Neste caso, os fondos permitirán acometer obras de conservación en inmobles municipais, adquirir edificios para a súa recuperación ou mesmo urbanizar novos viarios previstos no planeamento. Os préstamos tamén serán sen xuros e cun prazo máximo de devolución de oito anos.
Durante a súa visita a Curtis, Allegue puxo como exemplo o edificio municipal rehabilitado a través desta colaboración entre administracións. O inmoble foi recuperado polo Concello cun préstamo de preto de 683.000 euros procedente do fondo autonómico de rehabilitación e converterase agora nun centro multifuncional para uso da veciñanza.
A conselleira salientou a transformación do espazo nun equipamento 'moderno e eficiente' e incidiu na importancia da cooperación institucional para sacar adiante actuacións con impacto directo na cidadanía. Neste sentido, lembrou que ao longo de 2025 a Xunta concedeu 15 préstamos a concellos galegos por máis de 5 millóns de euros a través destes fondos.