A Xunta achega 342.000 euros para modernizar Montegolf: Arteixo, Culleredo e A Coruña crearán unha zona deportiva compartida

ACoruñaXa
O proxecto, cun investimento total duns 684.000 euros, rehabilitará e ampliará o complexo da Zapateira con vestiarios, espazos polivalentes, áreas verdes, pistas multideporte e piscina ao aire libre
arteixo-montegolf
26 Sep 2025

futura zona deportiva de Montegolf dá un paso clave. A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes concedeu unha subvención de 342.000 euros —o 50% do orzamento— para a rehabilitación e modernización do complexo situado na Zapateira, nun ámbito limítrofe entre Arteixo, A Coruña e Culleredo. A achega autonómica compleméntase co financiamento municipal ata un investimento total de 684.000 euros.

O plan, impulsado conxuntamente polos tres concellos, transformará o antigo recinto privado —cedido a Arteixo tras a crise de 2008— nun equipamento deportivo de uso comarcal. A intervención prevé un edificio principal con vestiarios, aseos e salas polivalentes, así como zonas exteriores verdes e a integración de pistas multideporte (en substitución das antigas de pádel) e unha piscina ao aire libre. As obras centraranse en actuacións de rehabilitación, reparación, ampliación e posta ao día de instalacións para recuperar a funcionalidade e ampliar servizos.

A coordinación institucional foi salientada polos responsables locais. O alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, incidiu en que a colaboración “permitirá optimizar servizos e ofrecer unha oferta de lecer máis completa ca prevista inicialmente”. O rexedor de Culleredo, José Ramón Rioboo, subliñou que “a suma de esforzos dará resposta, a pé de casa, a unha demanda cidadá de espazos deportivos modernos”. Pola súa banda, o primeiro tenente de alcalde da Coruña, José Manuel Lage Tuñas, cualificou Montegolf como “exemplo de equipamento compartido útil para a veciñanza da Gran Coruña, que se constrúe con cooperación e diálogo”.

No plano urbanístico, o Pleno de Arteixo aprobou hoxe a modificación necesaria para facer viable a obra. A folla de ruta conxunta contempla agora a licitación por fases e a definición do modelo de xestión para asegurar o acceso da cidadanía dos tres concellos a un mesmo complexo deportivo, gañando escala e eficiencia.

⚙ Configurar cookies
0.078732013702393