A Xunta acepta as alegacións da Plataforma de Infesta e modificará o proxecto da AC-542

ACoruñaXa
O novo deseño da estrada incluirá melloras en accesos, seguridade peonil, eliminación de eucaliptos e ampliación de beirarrúas, cun orzamento que superará os 1,2 millóns de euros
BETANZOS veciños infesta no pleno municial 2024
Veciños de infesta nun pleno municipal de 2024
13 Oct 2025

A Xunta de Galicia incorporará ao proxecto de reforma da estrada AC-542 ao seu paso por Betanzos boa parte das alegacións presentadas pola Plataforma Veciñal de Infesta. A decisión foi comunicada tras a xornada de reunións celebrada o pasado martes 7 de outubro, na que representantes da Plataforma se reuniron coas delegacións territoriais de Infraestruturas e Medio Rural.

O encontro, previamente anunciado pola entidade veciñal, tiña como obxectivo defender un proxecto máis respectuoso coa vida diaria na contorna e abordar tamén a problemática ambiental das plantacións de eucaliptos. Segundo confirmaron tanto a Plataforma como a Xunta, o proxecto será modificado para mellorar a seguridade e a mobilidade da zona.

Entre as principais modificacións inclúese a posibilidade de acceder directamente á N-VI sen ter que dar a volta na rotonda das Cascas, así como permitir o xiro cara Betanzos e Santiago no cruce do Petón. Tamén se recolocarán pasos de peóns e paradas de autobús, ampliaranse as beirarrúas e crearase un novo tramo peonil sobre o paso do ferrocarril. A actuación inclúe ademais a eliminación de eucaliptos que reducían a visibilidade, a mellora de accesos ao Coto e o incremento de prazas de estacionamento.

A Plataforma de Infesta valorou positivamente a acollida das súas propostas e destacou que estas modificacións son imprescindibles para que o proxecto cumpra coas necesidades reais do barrio. Sen elas, afirman, a obra quedaría incompleta e podería comprometer a seguridade da veciñanza.

No marco da reunión, tamén se tratou a situación das plantacións de eucaliptos preto das vivendas. A Consellería de Medio Rural informou á Plataforma de que foron trasladadas ao Concello 20 actas de infracción e tres denuncias por plantacións ilegais. A entidade solicitou unha reunión co goberno local para tratar estes temas e demandar o cumprimento da normativa vixente.

O orzamento previsto para o novo proxecto superará os 1,2 millóns de euros, e inclúe actuacións que tamén foran recollidas en alegacións do Concello de Betanzos e do BNG.

⚙ Configurar cookies
0.08345103263855