A Xunta abre a información pública da rolda sur-oeste de Ordes para unir a N-550 coa AC-413

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas iniciou o trámite de información pública do proxecto da rolda sur-oeste de Ordes, unha actuación coa que se pretende desviar o tráfico de paso fóra do núcleo urbano, conectando a N-550 coa estrada autonómica AC-413.
O anuncio publicouse no DOG do 9 de febreiro e establece un prazo de 30 días hábiles para presentar alegacións a partir do día seguinte á publicación. A documentación poderá consultarse na sede da Axencia Galega de Infraestruturas, no Servizo de Infraestruturas da Coruña, no Concello de Ordes e tamén na web da Consellería.
A nova rolda, de 2,01 quilómetros, pretende aliviar rúas que agora soportan un elevado tránsito ao servir de paso cara Carballo (AC-413) ou Viaño Pequeno (DP-5903). O trazado proxectado inclúe dúas glorietas, unha intersección en T para o acceso ao cemiterio do Balado e ao punto limpo, e un novo acceso ao IES Maruxa Mallo, ao tanatorio municipal e ao propio camposanto. Tamén se prevén sendas para mobilidade activa (peóns e bicicletas), iluminación específica e tres estruturas (pontes e paso inferior) para dar continuidade ao viario.
O calendario marcado pola Xunta pasa por aprobar o proxecto no cuarto trimestre de 2026 e, despois, redactar o proxecto construtivo e licitar as obras, cun prazo de execución estimado de 18 meses.