A Xunta aborda melloras no transporte metropolitano da Coruña xunto aos concellos da área

ACoruñaXa
A rede metropolitana da Coruña está formada por 444 liñas interurbanas, con máis de 7.700 paradas e 400.000 servizos anuais
XUNTA-TRANSPORTE-CORUNHA
1 Jul 2025

A Consellería de Mobilidade mantivo hoxe unha reunión cos concellos da Área de Transporte Metropolitano (ATM) da Coruña no marco da comisión de seguimento do plan, unha cita semestral co obxectivo de avaliar o funcionamento do servizo e estudar melloras propostas polos municipios.

Na xuntanza, presidida pola directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, abordáronse diversas modificacións solicitadas polos concellos, relacionadas con liñas, frecuencias e localización de paradas.

A Xunta lembrou que xa se atenderon nos últimos meses algunhas destas peticións. É o caso de Carral, que logrou desviar a liña Entrexardíns – Santa María de Vigo ata Taramuño para dar servizo ao alumnado do IES David Buján, ou a proposta do Concello de Oza-Cesuras, que levou á ampliación dunha liña escolar cara ao IES de Curtis.

Tamén se comprometeu a manter ata o 7 de setembro o servizo especial ao parque acuático de Cerceda, que ata agora só funcionaba en xullo e agosto, tras a solicitude do concello.

Outras actuacións destacadas inclúen axustes nas paradas en Cambre, a proposta de reforzar as conexións á praia de Mera desde Oleiros no verán, ou a incorporación de novas paradas no polígono de Bértoa, en Carballo. Ademais, está previsto que o Concello da Coruña se reúna proximamente coa Xunta para abordar melloras en liñas que conectan coa universidade e os polígonos industriais.

A directora xeral subliñou que o Plan de Transporte Público de Galicia é “un plan vivo”, con centos de modificacións cada ano para adaptarse ás necesidades de mobilidade da cidadanía.

A rede metropolitana da Coruña está formada por 444 liñas interurbanas, con máis de 7.700 paradas e 400.000 servizos anuais, que cobren 13,3 millóns de quilómetros ao ano. Para financiar o sistema, a Xunta achega 2,8 millóns de euros anuais, mentres que os concellos da área completan a contía con 625.000 euros.

O Concello de Culleredo pide unha xuntanza con todos os concellos do primeiro cinto metropolitano

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, aproveitou a comisión para solicitar unha reunión específica cos concellos do primeiro cinto metropolitano da Coruña —Oleiros, Cambre, Arteixo e o propio Culleredo— co fin de coordinar accións conxuntas. Rioboo advertiu que existen “moitas sinerxías con A Coruña que están desaproveitadas” e que iso provoca que “queden zonas sen cubrir por parte do transporte metropolitano”.

O rexedor insistiu en que o problema principal afecta ao rural, e puxo como exemplo áreas como Almeiras ou Peiro, en Celas, con poucas frecuencias. Rioboo destacou que “os exemplos de Los Olivos, Vallesur ou urbanizacións como Aguas Mansas, Mansosol, Ultreya e Rialta deben servir para chegar a máis acordos a tres bandas, xa que melloraron notablemente o servizo de transporte nestas zonas”.

O Concello de Culleredo comprometeuse a entregar nas vindeiras semanas un estudo de mobilidade completo á Xunta co fin de mellorar a cobertura do servizo no municipio.

⚙ Configurar cookies
0.18230009078979