A xornada das IXP de vacún celebrarase finalmente este luns en Curtis tras o aprazamento polo temporal


O Recinto Feiral de Curtis acollerá finalmente este luns 9 de febreiro a xornada de exaltación e formación arredor das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca Galega-Boi Galego, organizada polo Consello Regulador. A actividade estaba prevista inicialmente para finais de xaneiro, pero foi adiada polas predicións meteorolóxicas e retómase agora mantendo o mesmo programa.
A xornada está concibida como un encontro dirixido principalmente a profesionais do sector produtor, co obxectivo de achegar información práctica sobre o mercado e sobre o valor engadido de traballar baixo selos de calidade. Entre os contidos, prevese analizar aspectos técnicos, económicos e comerciais do vacún, repasar a historia da carne galega certificada e afondar nas vantaxes de certificar o vacún maior, con especial atención á IXP Vaca Galega-Boi Galego.
O programa arrancará ás 12.00 horas cunha sesión técnica no salón de actos do recinto, estruturada en dúas charlas divulgativas. A primeira leva por título ‘A carne con nome propio: control e calidade na IXP Ternera Gallega’ e a continuación celebrarase ‘IXP Vaca Galega-Boi Galego: tradición, sabor e futuro’, centrada no potencial do vacún maior certificado.
Como peche, a partir das 13.30 horas ofrecerase unha degustación de carne amparada polas IXP, pensada para poñer en valor as diferenzas dun produto certificado e completar a parte formativa cunha experiencia gastronómica.
Desde a organización lembran que é preciso inscribirse previamente a través da súa web para asistir á xornada.