A xornada 'A Cultura é un Dereito' chega o 22 de novembro ao Pazo de Mariñán
O vindeiro 22 de novembro, o Pazo de Mariñán será o escenario dunha nova xornada de “A cultura é un dereito”, un ciclo organizado pola Deputación da Coruña para explorar a intersección entre arte e saúde, nesta ocasión enfocándose na música como medio terapéutico e social. O evento estará comisariado por Ugia Pedreira, quen destaca o poder da cultura e as actividades artísticas para promover o benestar físico e mental ao longo de toda a vida.
Durante esta xornada, que contará coa participación de especialistas de renome, abordaranse temas coma a neurorehabilitación musical, a diversidade funcional no ámbito cultural, e os beneficios cognitivos e emocionais da música. Entre os relatores están Antoni Rodríguez Fornells, experto en neurociencia; o guitarrista e compositor Robert Pier; a pianista Mihaela Duma; o narrador Cristian Terán; o catedrático de Medicina Antonio Salas; a musicoterapeuta Laura Navarro; e Chefa Alonso, doutora en artes performativas e saxofonista.
O programa inclúe relatorios como “Música e cerebro: bases cerebrais do procesamento musical e neurorehabilitación”, a cargo de Antoni Rodríguez Fornells, e a mesa redonda “Experiencias de vida”, onde participarán Pedreira, Pier e Duma, que compartirán as súas historias e achegas ao uso terapéutico da música en contextos de diversidade funcional e enfermidades como a esclerose múltiple.
Pechará o evento un obradoiro de improvisación musical, aberto ao público, e un espazo de reflexión sobre a arte como un dereito transversal nas nosas vidas. Para facilitar a participación, haberá servizo de interpretación en lingua de signos e inscricións abertas, de balde, ata o 20 de novembro, dispoñibles na web de “A cultura é un dereito”.
Programa:
- 10:15 - 11:45 h: "Música e cerebro: bases cerebrais do procesamento musical. O potencial da música na neurorehabilitación". Antoni Rodríguez Fornells.
- 12:15 - 14:00 h: Mesa redonda "Experiencias de vida":
- "Basal. Composición e diversidade funcional desde o corpo-casa". Ugia Pedreira.
- "O meu mestre, o lado esquerdo". Robert Pier.
- "Un camiño cara á superación da esclerose múltiple". Mihaela Duma e Cristian Terán.
- 16:00 - 17:30 h: "Proxecto de investigación: Sensoxenoma". Antonio Salas e Laura Navarro.
- 18:00 - 20:00 h: Obradoiro de improvisación libre, de participación aberta ao público. Con Chefa Alonso.