A XII Carreira Popular Torre de Hércules pecha as inscripcións con máis de 2.500 corredores

ACoruñaXa
A XII Carreira Popular da Torre é a única proba nocturna do circuíto que terá lugar este sábado 23 de marzo
Imaxe dunha edición anterior da XII Carreira Popular Torre de Hércules
18 Mar 2024

O Concello da Coruña pechou este domingo 17 de marzo o período de inscrición para a XII Carreira Popular Torre de Hércules, primeira proba da edición número 11 do circuíto de carreiras populares Coruña Corre que se celebrará o vindeiro sábado 23 de marzo. Na que máis de 2.500 persoas formalizaron a súa participación, superando as que se apuntaron na pasada edición, o que reafirma o éxito desta competición promovida polo Concello da Coruña.

Do total de 2.553 persoas inscritas, 1.388 participarán na proba absoluta, mentres que 834 farano nas carreiras de categorías inferiores, un total de seis. Ademais, como os últimos anos, o Concello organiza unha andaina conmemorativa do Día da Muller na que se apuntaron 331 persoas.

A XII Carreira Popular da Torre é a única proba nocturna do circuíto que terá lugar este sábado, 23 de marzo, a partir das 17.00 horas, sendo a proba absoluta ás 20.00 horas. Este ano servirá tamén para conmemorar o 15 aniversario do faro romano como Patrimonio da Humanidade da UNESCO.

O circuito partirá do paseo dos Menhires e transcorrerá polo paseo Marítimo, no tramo recentemente humanizado polo Concello, ata as instalacións do Oceanográfico, onde as persoas participantes darán volta para chegar ata os pés da Torre de Hércules. A distancia total será de 6.350 metros. As carreiras de menores, cun total de seis categorías, terán lugar no paseo dos Menhires, con circuítos que irán de 150 a 800 metros de distancia.

As carreiras de categorías inferiores comezarán o sábado a partir das 17.00 e rematarán ás
18.30 horas. A entrega de premios para as persoas gañadoras destas probas será ás 19.10 horas no podio situado no Frontón da Torre. A carreira absoluta será ás 20.00 horas e a entrega de premios será, no mesmo lugar que as inferiores, ás 21.15 horas. A andaina comezará cinco minutos despois da proba absoluta e todas as persoas participantes lucirán un dorsal gratuíto conmemorativo.

Os corredores participantes, tanto no circuíto como na proba, deberán recoller os seus dorsais e chips no Frontón da Torre, o venres 22 de marzo, das 17.00 ás 21.30 horas, e o sábado 23 de marzo, desde as 10.00 horas ata media hora antes do comezo de cada unha das carreiras. Haberá servizo de duchas e gardarroupa na Cidade Deportiva da Torre, só dispoñible para persoas participantes.

 

0.13368201255798