A XI Trail e Andaina de Orientación de Gallaecia Raid reúne este domingo a 350 participantes en Ledoño (Culleredo)
O Concello de Culleredo será o escenario este domingo, 22 de decembro, da XI Trail e Andaina de Orientación de Gallaecia Raid, unha proba que reunirá a 350 participantes en Ledoño a partir das 10:00 horas. O evento inclúe dúas andainas e dous trails para adaptarse a todos os públicos e niveis.
As persoas participantes poderán escoller entre unha andaina de 10 quilómetros, deseñada para familias e camiñantes experimentados, e unha versión máis curta, adaptada para nenos e nenas menores de 12 anos. Estas dúas modalidades reunirán un total de 226 inscritos, entre os cales destacan os 170 que realizarán a andaina xeral, que contará coa participación da Asociación Marines e doutros federados que acompañarán a novos camiñantes.
Pola súa banda, os máis competitivos poderán optar polos trails, cun percorrido de 12 ou 18 quilómetros, que suman o resto de inscritos. O evento estará marcado por varias sorpresas ao longo dos traxectos, pensadas para animar tanto aos deportistas como ao público asistente.
Ao rematar as probas, os nenos e nenas participantes recibirán unha medalla conmemorativa. A entrega de trofeos está prevista para as 13:30 horas, pechando unha xornada que combina deporte, natureza e diversión para todas as idades.