A voz dos alcaldes: Sergio Platas Casal, rexedor de Paderne

ACoruñaXa
Sergio Platas é alcalde de Paderne polo PSdeG-PSOE desde 2023, despois dunha traxectoria política na que asumiu distintas responsabilidades de goberno municipal, especialmente en áreas como Facenda e Servizos Sociais
PADERNE sergio platas
29 Mar 2026

Sergio pon o foco no que considera esencial na política local: mellorar os servizos, reforzar a atención ás persoas e crear oportunidades para que Paderne siga sendo un concello vivo, participativo e próximo. Defende unha maneira de gobernar baseada na cercanía, no diálogo e no compromiso de estar ao carón da veciñanza no día a día.

Como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido?

No ano 2023, con 21 anos, presenteime na lista do PSdeG-PSOE en Paderne, ese foi o meu 'debut'. Logo no 2007 e no 2011 formei parte do goberno sendo responsable da concellaría de Facenda. Novamente nos comicios de 2015 e 2019, sendo responsable de Servizos Sociais e xa no 2023 como alcalde.

Como deu o salto e recibiu o impulso para ser alcalde?

No ano 2023 a agrupación socialista de Paderne convocou unas primarias para presentarse á alcaldía, xa que había varias persoas candidatas. Acadei case o 90% dos apoios e agradezo moitísimo a confianza.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno?

Non é un traballo cuns horarios establecidos e a conciliación da vida persoal e familiar coa profesional é complexa, xa que ser alcalde, como di un veciño meu e ao que lle teño moito aprezo, 'é un traballo 24 horas os 365 días ao ano'. Máis eu non o vivo como un sacrificio porque traballar para mellorar a calidade de vida da veciñanza é unha gran motivación e un tremendo orgullo para min.

E beneficios?

Ser os primeiros aos que acuden as nosas veciñas e veciños cando teñen algún problema, xa que sempre tentamos axudar e iso é unha enorme satisfación. Poder mellorar o Concello no que vives sempre é unha honra.

Como equilibra a vida pública e a privada?

Como xa dixen antes, non é doado. Creo que é posible grazas a que as persoas que teño ao meu carón no ámbito persoal préstanme apoio e comprensión, aínda que moitas veces lles 'roubo' tempo por estar noutro lugar. Tamén teño a inmensa sorte de poder contar no meu equipo de goberno con presoas que me acompañan e comparten ese compromiso e responsabilidade conmigo. Gobernamos en minoría pero considero unha sorte absoluta contar con persoas de confianza e que se deixan a alma por Paderne.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?

O principal obxectivo é seguir traballando para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Paderne, tratando de achegar todos os servizos, recursos e oportunidades posibles.

E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?

Continuar consolidando proxectos que iniciamos e poñer en marcha outros que fagan que a xente se sinta orgullosa de vivir en Paderne. Seguir impulsando un Concello máis participativo e próximo coas persoas. Poñer o foco no social é para nós prioritario, e nesa liña traballamos a diario.

Cales son as principais liñas do seu programa?

A mellora dos servizos municipais: saneamento, traída, intraestruturas, apoio da actividade económica local, impulsar proxectos que atraian oportunidades ao Concello… Pero por riba de todo, brindar atención ás persoas. Servizos Sociais, transporte, actividades, mantemento das Escolas Unitarias, saídas socioculturais, conciliación. En definitiva, non só poñer Paderne no mapa; que a política que facemos teña un sentido e que tanto os que viven aquí como os que veñan vexan xustificada a súa decisión.

De que proxectos se sente máis orgulloso?

Dos que teñen repercusión directa no día a día das veciñas e veciños.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?

Gustaríame que me viran como unha persoa cercana, accesible, comprometida e na que poden confiar.

Como é a súa relación coa oposición?

Creo no respecto e no diálogo. Tanto eu como o meu equipo sempre estamos dispostos e dispostas a escoitar propostas construtivas e a colaborar sempre e cando se trate de mellorar a vida das padernesas e paderneses.

 


EN CLAVE PERSOAL

  • Idade, estado civil e familiar
    44 anos, solteiro con parella.
  • Profesión e formación
    Sanitario.
  • E se non foras alcalde, que che gustaría ser?
    Non cambiaría o que son, pero de ter que facelo teño claro que seguría sendo algo de cara ao público; o trato coa xente para min é moi estimulante e unha gran razón de peso para dedicarme ao que me dedico.
  • Que querías ser de maior?
    Piloto de aviación.
  • Que fas para desconectar?
    Pasar tempo coa familia e amizades, ademais de deporte. Gústame saír na bici, especialmente agora que comeza o bo tempo.
  • Unha virtude e un defecto
    Como virtude, seguramente a lealdade. Defectos… Ás veces cústame expresar os meus sentimentos.
  • Un consello para compartir
    Escoitar máis e xulgar menos.
  • Un libro
    Difícil quedarse cun só, pero a recompilación de relatos curtos de Paderne que editaremos en breve.
  • Unha película
    La voz dormida.
  • Un grupo de música/cantante
    Joaquín Sabina.
  • Unha afección
    Facer deporte.
  • Un lugar que visitar
    Roma, é unha cidade incrible.
  • Unha comida e unha bebida
    Marisco da ría de Paderne cunha copiña de branco lexítimo.
  • Unha personaxe admirada
    Calquera persoa do ámbito da saúde no contexto da pandemia da COVID-19.
  • Unha posesión preciada
    Un reloxo de peto do meu avó.
  • Un desexo
    Liberdade e igualdade entre todas e todos.
  • Algo para esquecer
    Non esquecería nada aínda que sexa malo. De todo se aprende.
  • Que é o que máis valora nunha persoa?
    A lealdade e ter palabra.
  • Un desafío pendente
    Completar o Trail Pablo Teijo, a ver si este ano vai.
  • Onde te ves en cinco anos?
    Sexa onde sexa, a miña prioridade sería nun lugar onde sentirme últil e que me dea satisfación persoal.
0.11912894248962