A voz dos alcaldes: Alberto Platas Álvarez, rexedor de Aranga

Alberto pon o foco no que considera o miolo da política municipal nun concello rural: mellorar servizos e infraestruturas para que a xente non marche e para atraer novos veciños, sen perder a proximidade de 'ser un veciño máis'.
Como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido?
Eu iniciei a miña traxectoria na política no ámbito municipal e dentro do Partido Popular. Estiven dous mandatos como número dous do equipo de goberno, exercendo de tenente de alcalde, e aí foi onde aprendín o día a día real do Concello e as necesidades que ten Aranga.
Como deu o salto e recibiu o impulso para ser alcalde?
O salto chegou no 2011: o alcalde que había enfermou e faleceu, e eu, ao ser o número dous, tiven que coller o relevo e presentarme como candidato. Dende aquel momento fun renovando maiorías e, a día de hoxe, sigo como alcalde no cuarto mandato.
A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno?
O maior sacrificio é que isto non ten horario. Son alcalde 24 horas ao día, 365 días ao ano. O meu teléfono téñeno practicamente todos os veciños e soa en calquera momento: sábado, domingo, de noite, de madrugada… e eu son incapaz de durmir co teléfono apagado. Se pasa algo, suspéndese todo e preséntaste onde tes que estar. Isto é moi vocacional, porque se non o levas dentro, non o aguantas.
E beneficios?
Para min, o beneficio principal é a honra de ser o representante dos meus veciños. Eu tómoo algo persoal, porque nas municipais moitas veces vótase á persoa, e cada papeleta co meu nome é unha responsabilidade. E logo está a satisfacción de cando loitas por un proxecto, unha subvención ou unha mellora que che pide a xente (ou que ti cres que vai mellorar a súa vida) e o consegues, é moi satisfactorio e motívate para seguir.
Como equilibra a vida pública e a privada?
Eu vivo aquí, no propio concello, e fago vida normal: son un veciño máis. Agora ben, a realidade é que hai reunións e moitas cousas, e tes que priorizar o traballo fronte á vida persoal. Se hai unha incidencia, unha desgracia ou falecemento dun veciño, iso vai por diante de calquera plan particular.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
O meu obxectivo principal é consolidar poboación. O rural está caendo en picado e aquí non hai varita máxica, pero eu teño claro o camiño: dar facilidades e prestar servizos para que a xente nova non marche e atraer xente doutros concellos para que veñan vivir a Aranga.
E se renova na Alcaldía cales son as principais actuacións previstas?
Eu sempre digo que isto o decidirán os veciños, e que falar de actuacións concretas con tanta antelación é cedo. O que si teño claro é que estamos centrados en cumprir os obxectivos que tiñamos en mente e en non defraudar á xente: seguir traballando para sumar servizos e mellorar o Concello, que é o que acaba fixando poboación.
Cales son as principais liñas do seu programa?
A liña é moi clara: que o Concello vaia a mellor, dar cada día máis servizos e mellorar as infraestruturas municipais. Falamos de cousas moi pegadas ao territorio: traídas de auga, estruturas viarias, arranxo de locais sociais, aulas de informática… e tamén servizos que hoxe xa son básicos, como internet, porque é o que fai que vivir no rural sexa viable.
Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?
A necesidade de fondo é a mesma: manter e atraer veciñanza, e iso depende de ter servizos e calidade de vida. Aranga ten unha vantaxe: estamos moi ben comunicados, a uns 20 minutos da cidade de A Coruña, e a autovía A-6 atravesa o concello. Iso permite que moita xente viva aquí e vaia traballar á cidade, buscando tranquilidade e mellor vida. E dende a pandemia notamos movemento: empezáronse a vender máis casas, así que aínda cobra máis importancia seguir dotando o concello de servizos básicos.
De que proxectos se sente máis orgulloso?
É difícil quedar cun só. Eu estou orgulloso do conxunto de cousas que se foron facendo: dende o campo de tiro ata actuacións en traídas de auga, viarios, e melloras en infraestruturas municipais como locais sociais e aulas de informática. Máis que un proxecto concreto, eu quedo con que o Concello vaia en mellora e a xente se sinta cómoda vivindo aquí.
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Gustaríame que me visen coa máxima cercanía, como un veciño máis ao que se pode chamar se pasa algo. A min chámanme para todo, incluso para avisar dun lume no monte, e eu entendo que esa confianza tamén forma parte do meu papel como alcalde.
Como é a súa relación coa oposición?
Eu non teño problema ningún: se a oposición me fai unha proposta que beneficie ao meu concello e aos meus veciños, téñoo claro, adiante. Porque catro ollos ven máis ca dous e ninguén é perfecto. E ao revés tamén: se hai algo que poida prexudicar Aranga, eu vou estar cos meus veciños por diante de calquera sigla; non vou tomar unha decisión por 'culpa do partido' que lles faga dano.
EN CLAVE PERSOAL
- Idade, estado civil e familiar
Teño 49 anos, estou divorciado e non teño fillos. - Profesión e formación
Fun autónomo na hostalaría toda a vida ata 2014. Cheguei a compatibilizar a Alcaldía coa xestión do negocio familiar. - E se non foras alcalde, que che gustaría ser?
Quedaría na hostalaría, non cambiaría de profesión. - Que querías ser de maior?
Pois a verdade é que sempre me vin na hostalaría. Dende neno estiven cara ao público, tratando coa xente, así que era o máis natural para min. - Que fas para desconectar?
Estar na casa e descansar a cabeza. - Unha virtude e un defecto
Unha virtude é que creo que teño o don de saber tratar coa xente, porque foi o meu traballo toda a vida; e un defecto, sen dúbida, é que confío demasiado. - Un libro
Non son nada de lectura, a verdade. - Unha película
Non teño unha película favorita clara. - Un grupo de música/cantante
De música gústame a que está en español, para entender a letra, e despois valeume case todo. - Unha afección
A bricolaxe. - Un lugar que visitar
Eu recomendo o miradoiro de Vieiro, en Aranga. Dende alí vese media provincia e é unha marabilla para entender o que temos aquí. - Unha comida e unha bebida
A bebida téñoa clarísima: Coca-Cola. E de comida, un bo chuletón paréceme un manxar. - Unha personaxe admirada
Eu admiro á miña nena, é a persoa que máis aprecio e a que me dá a vida. - Unha posesión preciada
O máis prezado para min é a miña vivenda. Ter un teito para min é sagrado. - Un desexo
O meu desexo é saúde, poder ter moitos anos de vida con saúde para desfrutar do día a día. - Algo para esquecer
Se puidese borrar algo, serían malas cousas que pasaron, como a morte do meu pai. - Que é o que máis valora nunha persoa?
Que teña palabra, que o que diga vaia a misa. - Un desafío pendente
Un reto persoal que tiña marcado era deixar de fumar: levo sete meses e estou nesa loita ata deixalo de todo. A nivel alcaldía, o que comentei antes, seguir mellorando Aranga. - Onde te ves en cinco anos?
Véxome no mesmo lugar que agora e, se pode ser, seguindo como alcalde, feliz ata a xubilación.