A voz de los alcaldes: Carlos Vázquez Quintián, alcalde de Vilarmaior

ACoruñaXa
Carlos Vázquez Quintián, alcalde de Vilarmaior, repasa a súa traxectoria dende operario municipal a rexedor, os retos dun concello rural centrado en mellorar os servizos básicos e o soño de impulsar un polígono industrial que atraia emprego e novas familias
Vilarmaior carlos alcalde
14 Dec 2025

Carlos Vázquez Quintián, alcalde de Vilarmaior, un concello con 1.252 habitantes, repasa nesta entrevista a súa traxectoria dende traballador municipal ata rexedor e analiza os principais desafíos do municipio, centrados na mellora dos servizos básicos, o impulso do polígono industrial e a fixación de poboación.

Explíquenos un pouco como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido.
Eu iniciei na política porque son traballador do Concello. Son operario de servizos múltiples e o anterior alcalde comezou a delegar en min cousas importantes. Tiñamos moi boa relación e, a raíz dese traballo conxunto, foi como acabei vinculándome ao Partido Popular e dando o paso á política municipal.

Como deu o salto ou recibiu o impulso para ser alcalde?
O impulso vén precisamente dese alcalde. El ía xa algo maior e díxome: ‘Tes que quedar ti, tes que ser o alcalde’. Eu ao principio non quería, porque estaba ben como funcionario e non me apetecía meterme ‘nese follón’, pero insistiu en que eu tiña que quedar de alcalde. Así foi como dei o salto.

A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno do Concello?
Supón estar todos os días dispoñible, tamén sábados e domingos, para calquera problema que poida xurdir. Se es un veciño máis, un incendio ou un vertido pode non afectarte directamente, pero como alcalde tes que estar sempre presente e atento a todo.

E beneficios?
O beneficio é ver que o traballo dá froitos: fas obras, melloras servizos e ves os veciños contentos, que che din: ‘Grazas, alcalde, necesitabamos isto’. No meu caso, por exemplo, construímos un centro de saúde marabilloso, un polideportivo e unha Casa da Cultura. Dáche alegría ver que a xente utiliza esas instalacións, porque significa que eran necesarias.

Cales son os seus obxectivos a nivel político?
A nivel político, en nome do Concello, un dos grandes obxectivos é desenvolver un polígono industrial. Tamén quero conseguir que todo o municipio teña abastecemento de auga (estamos arredor do 75 % e quero chegar ao 100 %) e mellorar a recollida de augas residuais, para evitar contaminar as traídas particulares e os mananciais. En resumo, seguir mellorando os servizos básicos dun concello rural.

E como Goberno de cara á próxima lexislatura?
De cara á próxima lexislatura, o principal é rematar esas cousas que xa están en marcha: completar a rede de auga e saneamento, avanzar co polígono industrial e consolidar os servizos e infraestruturas que temos.

Está a favor dos pactos para conformar un Goberno estable?
Se é para ter un Goberno estable, si. Os pactos son pactos e hai que tratalos, pero se serven para darlle estabilidade ao Concello e mellorar as cousas, estou a favor.

Cales son as principais liñas do seu programa?
As liñas principais son desenvolver o polígono industrial, completar o abastecemento de auga e o alcantarillado en todo o municipio, manter e potenciar as instalacións que temos (piscina, Casa da Cultura, polideportivo, centro de saúde) e poñer en valor o noso medio rural, coas rutas de sendeirismo, muíños, etc., adaptadas á realidade dun concello pequeno como Vilarmaior.

Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?
Ao ser un concello rural e pequeno, non precisa grandes macroproxectos, pero si boas condicións de vida: xerar actividade e emprego co polígono industrial para que se asenten familias, apoiar os pequenos autónomos e seguir coidando os servizos que xa temos.

De que proxectos se sente máis orgulloso?
Se teño que dicir un, do centro de saúde. Pero tamén me sinto moi orgulloso do polideportivo e da Casa da Cultura, onde se fan moitas actividades, especialmente en datas como o Nadal, e que lle dan vida cultural ao concello.

Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Gustaríame que me visen como unha persoa responsable e traballadora. Que vexan que, cando me piden algo e está na miña man, intento conseguilo, xa sexa co Concello ou buscando axuda doutras administracións, para que teñan ese servizo que necesitan.

Como é a súa relación coa oposición?
A relación é boa, non hai ningún problema. Cando presentan algunha proposta que é positiva para o Concello, miramos de aprobala e levala a cabo, aínda que veña da oposición. Todo o que sexa mellorar, benvido é.

 


EN CLAVE PERSOAL

  • Idade, estado civil e familiar
    Teño 55 anos e estou casado.
  • Profesión e formación
    Son operario de servizos múltiples do Concello, funcionario fixo en excedencia pola política e de formación teño EGB.
  • E se non foras alcalde, que che gustaría ser?
    Gustaríame ser chófer. Teño todos os carnés e sempre me gustou ese traballo.
  • Que querías ser de maior?
    De pequeno tamén quería ser chófer; tiña as ideas bastante claras desde o principio.
  • Que fas para desconectar?
    Gústame ir de pesca, tanto ao mar como ao río. Vas, comes un bocadillo, tomas unha cervexa na beira e esqueces un pouco de todo.
  • Unha virtude e un defecto
    Como virtude, penso que son serio e responsable. Como defecto, son bastante inquedo: cando teño algo na cabeza teño que facelo e non descanso ata deixalo listo.
  • Un libro
    ‘Verdades como puños’, de Iñaki Gabilondo, que ademais mo regalou un veciño.
  • Unha película
    ‘De profesión, duro’.
  • Un grupo de música/cantante
    Américo.
  • Unha afección
    A pesca. E tamén xuntarme cos compañeiros para facer un bo churrasco.
  • Un lugar que visitar
    Gustaríame visitar Nova York algún día. E, dun lugar que coñezo e recomendo, a área recreativa Miño das Ferreiras, que é moi bonita para pasear, incluso coas mascotas.
  • Unha comida e unha bebida
    Pulpo, churrasco e Coca-Cola.
  • Unha personaxe admirada
    O anterior alcalde, Don José Benito Souto Louride, e a súa esposa. Eran persoas marabillosas, e non o digo só porque me meteran na política.
  • Unha posesión preciada
    O máis prezado é a familia. E, se falamos de obxectos, gústanme moito os reloxos; teño seis ou sete, aínda que non son caros.
  • Un desexo
    Saúde e felicidade.
  • Algo para esquecer
    A pandemia da covid.
  • Que é o que máis valora nunha persoa?
    A seriedade e a formalidade. Se non hai iso, para min xa non hai moito que falar.
  • Como equilibras a vida pública e a privada?
    No Concello atendo ás cousas do Concello e na casa ás da familia, aínda que é certo que moitas veces levas as preocupacións políticas para a casa. Axuda moito saír, ir de pesca ou falar cun veciño para desconectar un pouco.
  • Usas redes sociais e WhatsApp?
    Uso WhatsApp. Facebook non teño, porque ás veces nesas redes fálase e opínase de todo e prefiro evitalo.
  • Un desafío pendente
    O gran desafío é desenvolver o polígono industrial, que se asenten empresas e autónomos, que veñan familias vivir e traballar aquí e o concello medre: máis padrón, máis movemento, máis servizos.
  • Onde te ves en cinco anos?
    En política nunca se sabe. Si que podo dicir que nas próximas eleccións penso presentarme outra vez; despois, Deus dirá. Tamén depende de se se sae elixido e de canto falta para a xubilación.
⚙ Configurar cookies
0.080509901046753