A VII edición da carreira Matogrande-Xuxán conta xa con máis de mil persoas inscritas
A VII edición da carreira Matogrande-Xuxán, que forma parte do ciclo Coruña Corre, conta xa con máis de mil persoas inscritas nas diferentes categorías. Desde o Concello lembran que esta é a derradeira semana para inscribirse na proba.
A carreira celebrarase o vindeiro 15 de setembro e as persoas que o desexen poden inscribirse nas diferentes categorías ate o domingo 8 de setembro a través da web www.corunacorre.gal. O prezo é de 3 euros de inscrición e 2 euros polo chip refugable. No caso de persoas en situación de desemprego, maiores de 65 anos ou Carné Xove, o prezo é de 3 euros en total. Os menores poderán inscribirse de forma gratuíta. As persoas abonadas ao circuíto completo Coruña Corre poderán confirmar a súa asistencia mediante o formulario dispoñible na web.
O trazado da carreira popular de Matogrande, cun percorrido total de 6.640 metros, terá o seu punto de inicio na rúa Sebastián Martínez Risco, na contorna do colexio Liceo La Paz. Como novidade este ano a carreira transcorrerá, ademais de polo Campus Universitario de Elviña e o barrio de Matogrande, polo barrio de Xuxán, onde se percorrerán os últimos 2 quilómetros da proba.
Como é habitual, contará cunha proba absoluta e percorridos adaptados para categorías inferiores sub 18 e sub 16, sub 14, sub 12 e sub 10; e sub 8 ou peques. Á conclusión destas, levarase a cabo a entrega de medallas no palco habilitado nas instalacións do Liceo La Paz. A primeira proba terá lugar ás 10.00 horas, con entrega de premios ás 11.00 horas. A partir das 11.15 horas realizaranse o resto de probas con entrega de premios arredor das 13.00 horas.