A Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle estrea en Ordes uns murais que homenaxean a historia do tren

ACoruñaXa
O estudo ordense Mutante Creativo transforma o antigo depósito de auga da estación da Pontraga nun percorrido visual pola memoria ferroviaria e pola evolución do territorio
ORDES mural tren en deposito
12 Dec 2025

A Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle vén de completar en Ordes o proxecto artístico 'Depósitos da Vía Verde', unha intervención mural que converte o antigo depósito de auga da estación da Pontraga nun novo punto de interese cultural e turístico. A iniciativa busca recuperar a memoria do ferrocarril que unía Santiago e A Coruña e reforzar a identidade deste itinerario que discorre hoxe entre Oroso e Cerceda aproveitando a vella liña ferroviaria.

A actuación foi financiada a través da liña de subvencións da Deputación da Coruña destinada a proxectos de dinamización e posta en valor do territorio nos concellos que integran a Vía Verde.

O mural foi realizado polo Estudio de Deseño e Muralismo 'Mutante Creativo', equipo local coñecido pola súa participación no festival DesOrdes Creativas e pola autoría doutros traballos vinculados ao Camiño de Santiago e a proxectos turísticos e culturais da comarca.

A intervención artéllase como unha liña do tempo en formato de celuloide, aproveitando os paneis segmentados do propio depósito, de xeito que cada tramo funciona como se fose un fotograma. A narración visual percorre distintas etapas: desde os tempos previos ao tren, cando as viaxes se facían en carruaxes de cabalos, ata a chegada e expansión do ferrocarril e o paso das primeiras locomotoras pola estación de Ordes. O conxunto permite comprender dunha ollada a transformación do territorio e o papel que xogou o camiño de ferro na vida das parroquias hoxe unidas pola Vía Verde.

No plano estético, o deseño combina ilustración e pintura baseada en fotografías antigas con recursos gráficos máis simbólicos. A paleta de cores inspírase nas tonalidades reais das estacións e da paisaxe: os verdes das follas, os ocres dos troncos, os tons dos edificios ferroviarios e dos tellados, o que favorece unha integración harmónica co entorno.

Coa posta en valor deste depósito, a Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle suma un novo recurso interpretativo ao seu percorrido, que xa incorpora paneis divulgativos sobre o pasado ferroviario, áreas de descanso e outros elementos de sinalización. O obxectivo é mellorar a experiencia de persoas visitantes, camiñantes e ciclistas, ao tempo que se contribúe á recuperación do patrimonio ligado ao tren e á revitalización das antigas estacións de Ordes e da contorna do río Lengüelle.

⚙ Configurar cookies
0.081165790557861